Skip to main content

O Colexio Lasalle de Santiago foi o primeiro en impartir clases prácticas de cociña entre os alumnos

O programa educativo “Aprende a comer, aprende a cociñar. O azucre ensínache o mundo dos alimentos” levado a cabo en diversos centros educativos de Galicia comezou este luns a segunda parte do programa consistente en clases de cociña e relatorios sobre nutrición en cada centro.

O programa está organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto de Estudios del Azúcar y la Remolacha (Iedar).

O primeiro centro en impartir clases prácticas de cociña foi o colexio “Lasalle” de Santiago de Compostela. Durante esta sesión o cociñeiro Álvaro Rey e a dietista Rebeca Martínez, explicaron aos nenos sinxelas pautas sobre hábitos alimenticios saudables e ensináronlles a facer unha divertida sopa de froitas.

As seguintes convocatorias están previstas para o luns, 30 de maio, no CEIP “Carrasqueira”, de Vigo; e o martes, día 31, no CEIP “As Lagoas II”, de Ourense.

Presentado o pasado 22 de marzo o programa “Aprende a comer, aprende a cociñar. O azucre ensínache o mundo dos alimentos” contou cunha participación en torno aos 15.000 alumnos (entre os 8 e 10 anos) e 900 profesores de segundo ciclo de primaria. O seu obxectivo primordial é afondar durante este curso escolar no ámbito da nutrición e a cociña.

Para elo, utilizaron unha serie de material didáctico editado en galego que, a partir de agora, compaxinarán con clases de cociña e relatorios de nutrición impartidos nas aulas.

Cómpre subliñar o rigor pedagóxico e científico deste programa educativo, no que traballaron tanto responsables IEDAR como colaboradores de prestixio da Consellería de Educación, do departamento de nutrición do Hospital La Paz de Madrid, da compañía Disney e do grupo editorial Everest.

PROGRAMA

O programa “Aprende a comer, aprende a cociñar. O azucre ensínache o mundo dos alimentos” desenvolveuse en dúas fases.
A primeira consistiu en distribuír entre os centros educativos de primaria interesados no proxecto os libros cos que poderán traballar os alumnos e os profesores na aula. E a segunda, que agora se está levando a cabo, que se centra nas clases de cociña e relatorios sobre nutrición en cada centro.

Este proxecto educativo naceu no curso 2002/03 con notable éxito de participación. A comunidade de Castela e León foi a primeira en poñela en práctica, e a partir de aí, o Iedar ten como meta implantalo en toda España.

Iniciativas como esta son particularmente relevantes, xa que contribúen a incentivar desde o eido educativo a alimentación saudable na poboación infantil.









Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia