Skip to main content

Educación e Familia presentan o proxecto de mediación e resolución de conflictos Solucionando Xuntos

Os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Celso Currás Fernández e Pilar Rojo, presentaron o proxecto piloto de mediación e resolución de conflitos nos centros educativos “Solucionando Xuntos”. No acto ademais participou a presidenta da Fundación Mª José Jove, Felipa Jove, entidade que colabora no desenvolvemento deste programa.

Este proxecto experimental de resolución de conflitos entre iguais é unha das accións previstas no Plan de Mellora da Convivencia nos centros educativos, no que está traballando a Consellería de Educación e que implicará a toda a comunidade educativa (profesores, alumnos e familias) que recibirá información, formación e asesoramento dun grupo de expertos.

“Solucionando Xuntos” desenvolverase en oito centros das principais cidades de toda Galicia ao longo de dous cursos escolares. Os centros educativos implicados nesta iniciativa son: IES “Elviña”, da Coruña; IES “Marqués de Suanzes”, de Ferrol; IES de Sar, de Santiago de Compostela; IES “Piringalla”, de Lugo; IES “Portovello”, de Ourense; IES “Luis Seoane”, de Pontevedra; IES “Miguel Ángel González”, de Vilagarcía, e o IES “Valladares”, de Vigo.

Celso Currás salientou a importancia de proxectos deste tipo, cuxo obxectivo fundamental é dotar aos centros educativos de instrumentos que faciliten a mellora da convivencia e que, ao mesmo tempo, proporcionen un modo alternativo para solucionar conflitos entre o alumnado.

Por outra parte, Rojo indicou que a intención deste programa é abarcar a toda a comunidade educativa, respectando tanto o equilibrio de poder entre as partes enfrontadas, como a lexitimidade do mediador para a súa actuación en cada un dos conflitos.

MODELO DE MEDIACIÓN

O modelo de mediación consiste en que os propios alumnos sexan os que interveñan á hora de resolver os conflitos que se poidan xerar entre eles. Esta mediación será voluntaria entre as partes implicadas para que cheguen a unha solución do problema.

Na mediación, a responsabilidade de transformar e solucionar os conflitos queda en mans dos que o xeraron e son parte protagonista del, como actores ou como afectados.

FASES DO PROXECTO

O proxecto “Solucionando Xuntos” consta de varías fases de implementación. De maio a xuño de 2005, establecerase a primeira toma de contacto cos centros que iniciarán o proxecto.

De setembro a outubro de 2005 desenvolverase unha fase de sensibilización en cada centro educativo co fin de presentar as vantaxes da implantación da mediación entre iguais para deste xeito resolver conflitos e mellorar o ambiente do centro.

A partir de entón seleccionaranse os mediadores. Cada centro educativo terá tres profesores coordinadores responsables do programa que realizarán a función de organizar e supervisar a súa implantación en cada centro. Fíxanse os criterios para a elección de mediadores entre o alumnado, que serán seleccionados tendo en conta tanto a súa voluntariedade como a conformidade dos seus proxenitores.

Posteriormente, de outubro de 2005 a febreiro de 2006 está previsto que se desenvolva a fase de formación. Unha vez seleccionados os mediadores formaranse os membros da comunidade escolar na adquisición de contidos, estratexias e habilidades necesarias para levar a cabo o proceso de intervención.

A implantación do servizo de mediación “Solucionando Xuntos” está prevista para febreiro de 2006, e estaría en fase de supervisión e seguimento ata febreiro de 2007.

MATERIAL PARA OS CENTROS EDUCATIVOS

Os titulares de Educación e Familia presentaron tamén as guías didácticas “Non violencia no deporte e na vida”, título baixo o que se recolle un documento específico para alumnos, outro para profesores e outro para pais. Trátase de manuais básicos de consulta que inclúen o tema da violencia no deporte de forma pedagóxico, que conteñen información sobre conceptos e actitudes positivas vinculadas ao xogo limpo e ao traballo en equipo. Estes textos enviaranse aos centros educativos e institucións.

Nos centros de Primaria distribuirase tamén unha táboa de multiplicar, denominada “Multiplicamos para a igualdade”, un instrumento educativo co que se pretenden introducir escenas propias dunha civilización igualitaria nunha etapa importante da aprendizaxe.

Este material, editado polo Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, pretende a través das imaxes que presenta eliminar estereotipos e corrixir distorsións, co fin de potenciar a plena incorporación das mulleres na vida social, económica e política.


Gabinetes de Comunicación das consellerías de Educación e Familia da Xunta de Galicia