Skip to main content

Sanidade potencia os órganos de participación cidadá no sistema sanitario

A Consellería de Sanidade, tal e como anunciara no Pleno do Parlamento de Galicia o seu máximo responsable, José Manuel González Álvarez, para dar conta das liñas directrices do seu departamento, está a tomar diversas medidas encamiñadas á potenciación dos órganos de participación cidadá no sistema sanitario. Co Consello Galego de Saúde, as Comisións de Participación Cidadá e o Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia, Sanidade tenta establecer as necesarias conexións entre a autoridade sanitaria e os diversos colectivos de cidadáns, para que o sistema sanitario acade os maiores niveis de eficacia, eficiencia e servizo aos cidadáns.

A posta en funcionamento destes mecanismos faise, pois, coa vontade de mellorar o sistema a través da aportación de experiencias e a expresión de necesidades comúns, de xeito que a voz dos distintos colectivos, e a asunción das correspondentes responsabilidades, sirva para a mellora da calidade e da cobertura sanitaria a toda a poboación, a través do previo coñecemento das súas necesidades e demandas. Tales mecanismos participativos son os que caracterizan a un sistema sanitario moderno, no que os distintos sectores teñen a oportunidade e a responsabilidade de contribuír á configuración e desenvolvemento do sistema, a través de canles fluídas de comunicación entre as distintas representacións.

CONSELLO GALEGO DE SAÚDE: FUNCIÓNS

Así pois, nesta liña sinalada no Parlamento de Galicia polo máximo responsable sanitario galego, o Diario Oficial de Galicia ven de publicar o Decreto polo que se determina a composición do Consello Galego de Saúde. A regulación deste órgano completouse coa publicación, tamén no Diario Oficial de Galicia, dunha Orde da Consellería de Sanidade pola que se establecen as normas xerais de organización e funcionamento do antedito Consello Galego. Segundo establece a Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA), o antedito Consello é o principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, para o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución.

Respecto da súa composición, o Consello estará formado por un presidente, un vicepresidente e un secretario. Asemade disporá de seis vogais en representación da Administración sanitaria, doce vogais en representación dos cidadáns, oito das organizacións empresariais, outros oito en representación das organizacións sindicais, seis por parte das organizacións de consumidores e usuarios designados polo Consello Galego de Consumidores, outros seis vogais en representación dos colexios profesionais de médicos, farmacéuticos e diplomados en enfermería, veterinarios, psicólogos e traballadores sociais de Galicia e, ademais, dous vogais en representación das Reais Academias de Galicia, un da Real Academia de Medicina e Cirurxía e outro pola de Farmacia.

O Decreto antes citado establece un prazo de catro meses para a constitución do Consello Galego de Saúde, polo que xa se teñen feito as comunicacións precisas ás organizacións e colectivos interesados, para que procedan a designar aos seus representantes neste órgano colexiado.

As funcións do Consello Galego de Saúde, que poderá funcionar en pleno, en comisións ou en grupos de traballo para o estudo e análise de aspectos concretos, son, entre outras, propoñer aquelas medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación; emitir informes ou ditames en materia de política sanitaria xeral a solicitude da Administración sanitaria da Xunta; coñecer o anteproxecto do Plan de Saúde e ser informado da súa avaliación; coñecer a memoria do Sergas antes da súa publicación para os efectos do seguimento e avaliación da xestión do organismo e, ademais, propoñer medidas dirixidas a mellorar a xestión do Sergas.

Cómpre indicar tamén que a Orde que establece as normas xerais de organización e funcionamento do Consello Galego de Saúde recoñece a este órgano a capacidade de elaborar e aprobar o seu propio regulamento de funcionamento, co obxecto de acadar niveis de actividade e funcionalidade óptimos, e favorecer o desenvolvemento axeitado das súas tarefas.

OUTROS ÓRGANOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Continuando coa liña de potenciación da participación cidadá posta en marcha polo departamento que dirixe José Manuel González Álvarez, o Consello da Xunta ven de aprobar, recentemente, un informe sobre a organización e funcionamento das futuras Comisións de Participación Cidadá e do Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia.

A norma regulamentaria que establece a súa composición, organización e funcionamento vai ser xa obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia xa que conta cos informes necesarios e completou o trámite administrativo previsto para a súa elaboración.

As Comisións de Participación Cidadá van ser un elemento clave para os galegos, posto que entre as súas funcións principais estará o propoñer aos órganos de cada área sanitaria as medidas de carácter sanitario que contribúan a elevar o nivel de saúde da poboación. Ademais, os membros desta comisión poderán coñecer de primeira man o anteproxecto de Plan de Saúde de cada área sanitaria e ser informados de súa avaliación. A Orde, que está próxima a publicarse, regulará a composición e asignación dos representantes destas comisións, a súa distribución territorial por áreas sanitarias, as súas funcións, a súa estrutura organizativa, os seus dereitos e deberes e a designación e nomeamento dos seus membros. A implantación destas comisións será paralela ao desenvolvemento das novas áreas sanitarias, xa que a Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia configurounas como órganos colexiados de naturaleza consultiva e participación comunitaria no eido das áreas sanitarias.

Pola súa banda, o Consello Asesor do Sistema Sanitario de Galicia, cuxa regulación tamén está a piques de seren publicada no Diario Oficial de Galicia, é un órgano superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade. Estará integrado por un máximo de 15 membros, escollidos maioritariamente entre profesionais do sistema sanitario galego e persoas de recoñecida competencia relacionadas coa actividade científica ou técnica nos eidos da saúde pública, a asistencia sanitaria, a docencia, a formación e a investigación.

Entre as funcións deste Consello está prestar asesoramento ao conselleiro de Sanidade en materias de carácter científico, profesional, ético ou social que podan influír nas políticas sanitarias, así como emitir, con carácter facultativo, informes e realizar estudos de natureza facultativa sobre estas mesmas áreas que o titular de Sanidade someta a súa consideración.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)