Skip to main content

A Consellería de Sanidade pon en funcionamento o novo centro de saúde de Betanzos

O novo centro de saúde de Betanzos, comeza a funcionar o luns, día 30 de maio, despois de que este fin de semana se complete o traslado. As novas instalacións da Consellería de Sanidade, que substitúen as actuais dependencias situadas en rúa Pintor Seijo Rubio deste municipio, funcionarán, en atención ordinaria, en horario ininterrompido de 8.00 a 21.00 horas os días laborais e de 8.00 a 15.00 horas os sábados. Ademais, dispón dun Punto de Atención Continuada (PAC), que prestará servizo das 15.00 as 8.00 horas, os días laborais, e as 24 horas, os domingos e festivos.

A entrada en funcionamento do novo centro suporá un importante salto cualitativo na asistencia sanitaria desta comarca, xa que se incrementa a súa infraestrutura para levar a cabo a prestación sanitaria en Atención Primaria e se incorporan avanzados recursos tecnolóxicos e informáticos para o diagnóstico e tratamento clínico-asistencial. Ademais, está deseñado para incorporar no futuro novas actividades asistenciais como Cirurxía Menor, Telemedicina e Dispensación de Metadona, entre outras. Na actualidade, o centro de saúde presta asistencia a máis de 14.000 usuarios, dos que máis de 1.800 están en idade pediátrica.

O novo edificio, que contou cun investimento de 3.128.698 euros, ocupa unha superficie construída de máis de 2.859 metros cadrados, distribuídos en dúas alturas, que albergan as áreas de Atención Primaria, Especializada e o Punto de Atención Continuada (PAC).

No que se refire a Atención Primaria, conta con 8 consultas de medicina xeral e 4 de enfermaría, o que supón o dobre que na actualidade. Ademais, o centro contará con 3 consultas de pediatría (actualmente só dispoñía dunha compartida con Punto de Atención Continuada) 2 de enfermaría pediátrica, unha de Fisioterapia, unha de matrona, unha de Odontoloxía, unha de hixiniesta dental e unha de farmacia. Dispón tamén doutros servizos complementarios, entre eles unha sala de extraccións, unha sala de diagnóstico e tratamentos unha sala de educación maternal, unha sala de xuntas-biblioteca, así como unha zona despachos.

No que atinxe a Atención Especializada, o centro dispón de 2 consultas de Medicina Interna. Así mesmo, a área de xinecoloxía disporá dunha consulta, unha sala de exploracións e unha sala de monotorización de embarazo; mentres que a área de traumatoloxía conta cunha consulta e unha sala de xesos. Os servizos de Atención Especializada complétanse cunha área específica de saúde mental, que dispón de consulta de psicólogo, psiquiatra e de enfermería e unha última área con salas de radioloxía e ecografía.

Por último, o centro alberga tamén un Punto de Atención Continuada, que conta con 3 consultas de medicina xeral, unha de pediatría, tres de enfermaría e unha de observación. Dispón ademais doutros servizos comúns, entre eles a recepción, arquivos para follas de consulta, habitacións e sala de estar. Neste PAC, ademais do persoal propio, realizan tamén gardas profesionais sanitarios dos concellos do ámbito de influenza do PAC, o que permite ofrecer asistencia continuada a máis de 37.000 usuarios.

Así mesmo, o centro de saúde de Betanzos conta tamén cunha área administrativa informatizada, onde se poden xestionar todos os trámites administrativos relacionados coa tarxeta sanitaria e obter cita tanto para Atención Primaria como Especializada. Ademais, ofrécense outros servizos complementarios como o seguimento dos pacientes que reciben tratamento con anticoagulantes orais (sintrom), así como un punto de homologación sanitaria de receitas.

CADRO DE PERSOAL

O cadro de persoal deste centro está integrado, na atención ordinaria, por 7 médicos, 2 pediatras, 10 profesionais de Enfermaría, 5 administrativos, 3 auxiliares clínicos, 3 fisioterapeutas, un odontólogo, un hixienista dental e un farmacéutico. Mentres que a atención urxente conta cun equipo integrado por 3 médicos, dos enfermeiros, e un celador por quenda.



Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)