Skip to main content

A Xunta de Galicia achega ó Concello de Vigo máis de 2'4 millóns de euros para a compra dos terreos para a execución do Auditorio de Vigo

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro e, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo, asinaron un convenio de colaboración, que permitirá a merca dos terreos ó concello de Vigo, adquisición que se instrumentalizará mediante o oportuno contrato de compravenda a formalizar entre o Concello e a Autoridade Portuaria de Vigo

Núñez Feijóo destacou que “o convenio permite comprar os terreos necesarios para a construcción do Auditorio de Vigo, unha vez que o goberno central, tras un ano de incertidume, informou á alcaldesa de Vigo que non ía ceder os terreos necesarios para a construcción de dita infraestructura”.

COMPROMISO DA XUNTA
A colaboración da Xunta de Galicia concrétase nunha achega económica de 2.409.536,96 euros, equivalente o 60,75% do importe das parcelas, e dicir, na mesma porcentaxe ó previsto no finanzamento público dos custos de demolición de edificación existente e construcción do Pazo-Auditorio.

Este novo investimento por parte do goberno galego supón, que a Xunta de Galicia vía investir preto de 21 millóns de euros para a construcción do Auditorio.Pazo de Congresos, sendo o maior investimento da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nun auditorio en Galicia.

COMPROMISOS DO CONCELLO
O concello comprométese a impulsar e acelerar a instrucción do expdiente de contratación para a adxudicación da concesión de obra pública unha vez dispoña dos terreos nos que se ubicarán as construccións.

ANTECEDENTES
A Consellería de Política Territorial, o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria de Vigo, en data 5 de agosto de 2004, formalizaron un convenio para a construcción e explotación do Auditorio-Pazo de Congresos de Vigo e zona complementaria, o obxecto de que a explotación conxunta por parte do adxudicatario e os redementos xerados por esa explotación contribuirán ó finanzamento da construcción do sistema xeral indicado.

No convenio indicábase que ós efectos anteriores, a Autoridade Portuaria de Vigo comezara accións encamiñadas á desafección do dominio público portuario das parcelas nas que se localizaría o Auditorio, para a súa posterior cesión, a título gratuito, ó concello de Vigo

En cumprimento do convenio, o Concello de Vigo, mediante acordo da súa Xunta de Goberno local, previa a sua exposición pública, aprobou o Estudo de Viabilidade e os Anteproxectos de construcción e explotación da obra e de demolición das edificacións existentes, como trámites previos e necesarios para a adxudicación da concesión de obra pública que posibilite a construcción da dotación prevista.

O goberno central negou a cesión gratuita das parcelas ó concello de Vigo, polo que a Xunta de Galicia e o concello de Vigo, tendo en conta a necesidade de construcción do auditorio, decidiron financiar o custe de ditas parcelas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia