Skip to main content

A Consellería de Asuntos Sociais convoca o Concurso de Iniciativas de Proxectos Cooperativos Experimentais

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR convocan o Concurso de Iniciativas sobre Proxectos Cooperativos Experimentais correspondente ao ano 2005.

O certame está dirixido aos axentes de desenvolvemento local, axentes de extensión pesqueira, de extensión agraria, técnicos da administración autonómica e persoal das asociacións de cooperativas, así como a todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade, que presenten proxectos orixinais e inéditos escritos en galego ou castelán. Os traballos, que poderán ser individuais ou colectivos, recibiranse entre o 15 de abril e o 15 de novembro de 2005 no CETMAR (Rúa Eduardo Cabello, s/n, 36208-Vigo)

PREMIOS

Outorgarase un único premio de 5.000 euros ao mellor proxecto presentado dos cales 3.000 se entregarán tralo fallo do comité, e os 2.000 restantes trala presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto. Haberá tamén dous accésit de 1.000 euros cada un para o segundo e terceiro mellores proxectos. Os traballos de maior interese incorporaránse a un catálogo de referencia.

Este concurso enmárcase dentro dun programa de actuacións enfocado a progresar na conformación da espiña dorsal dunha rede de promoción cooperativa, incidindo naqueles actores máis receptivos e proclives ao impulso de proxectos cooperativos.

O obxectivo deste certame é dobre, por unha parte incentivar a realización deste tipo de proxectos motivando especialmente aos participantes nas fases formativas anteriores e, por outra, impulsar a súa viabilidade mediante o propio recoñecemento institucional e a concesión dun incentivo económico. Deste xeito, recoñécese explicitamente a valía da idea e a súa importancia para o desenvolvemento local, ao tempo que se impulsa a súa efectiva posta en marcha.

Ademais, preténdese incentivar o aproveitamento das potencialidades que a fórmula empresarial cooperativa pode achegar ao desenvolvemento, local en xeral e rural en particular, no marco dos obxectivos e liñas de acción que están a definirse no plan estratéxico para o cooperativismo.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia