Skip to main content

Medio Ambiente entrega máis de 3.000 colectores para a recollida selectiva de lixo en 95 concellos

A Consellería de Medio Ambiente, a través da dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, vén de distribuír un total de 3.128 colectores para a recollida selectiva de lixo en 95 concellos galegos. En concreto, entregáronse 2.615 colectores verdes, 113 para papel e cartón, 307 amarelos e 3 para vidro en 32 municipios da Coruña, 39 de Lugo, 1 de Ourense e 23 de Pontevedra.

A entrega ten como finalidade facilitar e mellorar a recollida selectiva de lixo nos fogares destas vilas. Deste xeito, o departamento autonómico busca fomentar a reciclaxe de todos os residuos sólidos urbanos en Galicia. O obxectivo é consolidar entre a poboación a cultura da recollida selectiva e conseguir que a separación de refugallos sexa algo habitual e normal en cada fogar galego.

Os colectores de xenéricos ou verdes, destinados ao depósito de residuos orgánicos, distribuíronse nos concellos coruñeses de Ares (25), Arzúa (20), Coirós (25), Corcubión (15), Coristanco (40), Cedeira (30), Cee (30), Cerdido (30), Fene (25), Laxe (20), Moeche (15), Negreira (25), Ordes (25), Ortigueira (75), Irixoa (30), Narón (30), Serra de Outes (30), Oza dos Ríos (30), Padrón (30), Ribeira (25), Santiso (25), Sobrado dos Monxes (25), As Somozas (30), Teo (25), Tordoia (25), Touro (50), Trazo (25), Valdoviño (15), Vedra (20) e Zas (30).

LUGO

Tamén recibiron colectores verdes na provincia de Lugo os seguintes municipios: Cospeito (25), Friol (25), Muras (25), Outeiro de Rei (25), O Páramo (25), A Laracha (30), Rábade (25), O Saviñao (20), Vilalba (20), O Vicedo (30), Baleira (31), Becerreá (30), Chantada (135), Guntín (30), A Pastoriza (30), Abadín (30), Alfoz (30), Burela (30), O Incio (25), Láncara (25), Navia de Suarna (25), Palas de Rei (25), Quiroga (25), O Corgo (30), Ribeira de Piquín (20), Triacastela (4), O Valadouro (30) e Xove (30).

Os restantes colectores de xenéricos distribuíronse entre o concello de Ourense (350) e os municipios pontevedreses de Caldas de Reis (20), Cangas do Morrazo (25), Moaña (20), As Neves (25), Ponte Caldelas (25), Sanxenxo (20), Tomiño (25), Rodeiro (25), Lalín (25), A Estrada (25), Silleda (50), Forcarei (25), Valga (25), Meis (25), Ribadumia (25), Cambados (25), O Grove (25), Campolameiro (25), O Rosal (25), Mondariz (25), A Guarda (25), Oia (25), e Arbo (25).

COLECTORES PARA PAPEL

Os 113 colectores para a recollida de papel e cartón distribuíronse entre as provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Así, na provincia coruñesa a entrega realizouse nos concellos de Ortigueira (10) e Santa Comba (10), mentres que en Lugo recibiron colectores os municipios de Friol (10), O Vicedo (6), Mondoñedo (5), A Pontenova (5), Cervantes (5), Trabada (5), Lourenzá (5), O Saviñao (5), Rábade (5), A Pobra do Brollón (5), Outeiro de Rei (5), Bóveda (5), Vilalba (5), Muras (5) e Baleira (4). Ademais, tamén se entregaron nos concellos pontevedreses de Silleda (5) e Mondariz (8).

COLECTORES AMARELOS E PARA VIDRO

Polo que respecta aos 257 colectores amarelos, na provincia da Coruña Medio Ambiente realizou entregas aos municipios de Touro (30), As Somozas (25), Ortigueira (25), San Sadurniño (20) e Valdoviño (15).
Pola súa banda, en Lugo recibiron este tipo de colectores Ourol (20), Mondoñedo (20), Paradela (20) e Portomarín (10), mentres que en Pontevedra se distribuíron nos concellos de Cangas (20), Campolameiro (20), O Grove (20), Rodeiro (15), Arbo (15) e Mondariz (2), e na provincia ourensá no municipio de Ourense (30). Todos estes colectores destinaranse ao depósito de envases de plástico, briks e latas.

Os 3 colectores para a recollida de vidro, tamén coñecidos como “iglús”, entregáronse no concello de Silleda (Pontevedra).


Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia