Skip to main content

Varios premios Nobel participarán en Galicia no programa Camiños de Concordia: vías e meta

A partir do vindeiro luns, 30 de maio, e ata o 8 de xullo, as sete cidades galegas acollerán o programa cultural Camiños de Concordia: vías e meta, segunda das propostas para este ano organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, trala clausura onte venres en Santiago, da Conferencia Mundial para a paz, a solidariedade e o desenvolvemento que se levou a cabo na capital de Galicia durante os meses de abril e maio.

Nesta ocasión principia outra ampla aposta cultural pola reflexión e o debate, enmarcada nese espírito da concordia que o Premio Príncipe de Asturias recoñeceu o ano pasado nos Camiños de Santiago. Este novo programa leva por nome “Vías e meta”, pois seis cidades galegas simbolizarán as Vías da Concordia e Santiago de Compostela constituirá a Meta, un punto de chegada que é tamén de inicio para a concordia, paz e diálogo entre as xentes e as culturas.

PARTICIPANTES DESTACADOS

Sobranceiras personalidades do mundo do pensamento, da cultura, da ciencia e da arte se darán cita en Galicia durante as próximas semanas. Entre elas, tres Premios Nobel: Rigoberta Menchú (Premio Nobel da Paz 1982), Murray Gell-Man (Premio Nobel de Física 1969) e Betty Williams (Premio Nobel da Paz 1976).

Así mesmo, estarán presentes na Comunidade galega Shlomo Ben Ami (ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel), Mary Robinson (alta comisaria da ONU para os Dereitos Humanos), Jane Seymour (actriz, activista internacional de Dereitos Humanos e embaixadora de EE UU para os Dereitos dos Nenos), Cherie Blair (xurista, esposa do primeiro ministro do Reino Unido, Tony Blair), o astronauta Pedro Duque ou Paul Rusesabagina (salvou a centos de persoas durante o xenocidio de Ruanda).

SEMANAS TEMÁTICAS

Cada unha das seis cidades acollerá un tema concreto de debate que se desenvolverá ao longo dunha semana: en A Coruña será a Palabra, en Lugo a Política, en Ourense a Sociedade, en Vigo a Ciencia e o Medio Ambiente; en Pontevedra as Artes e en Ferrol será o Pensamento. De xeito simultáneo celebraranse en Santiago de Compostela conferencias e mesas redondas co tema que se estea a abordar na cidade correspondente.

A primeira destas semanas temáticas, a da Palabra, terá como sede A Coruña e levarase a cabo baixo o título “As letras e o diálogo como medios para a concordia”. Contará, dende o vindeiro luns, coa presenza de destacadas personalidades do pensamento, a cultura e a arte, entre elas, os escritores Fernando Sánchez Dragó e Andrés Trapiello. Inaugúrase unha exposición co título “O Quixote, da letra á imaxe” e haberá durante toda a semana conferencias, obradoiros, lecturas poéticas e mesas redondas, nas que participarán, ademais dos citados, Fernando Arrabal, Luz Pozo Garza, Víctor Freixanes, César Antonio Molina ou Euloxio Ruibal, entre outros.

Paralelamente ao inicio na Coruña deses actos, en Santiago terá lugar unha conferencia da Premio Nobel Rigoberta Menchú e as intervencións dos escritores Luís Alberto de Cuenca, Jon Juaristi ou Alejandro Jodorowsky.

POR INTERNET

Todas as conferencias poderán verse a través de internet, na páxina web www.xunta.es, dentro do apartado “Galicia, camiños de concordia”, e unha boa parte delas poderanse ver en directo.

Todo este material, unha vez concluído o programa, será arquivado en soportes audiovisuais que se conservarán na Consellería de Cultura, no Centro Galego de Artes da Imaxe, no Consello da Cultura Galega e nos arquivos da CRTVG.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia