Skip to main content

Familia destina máis de 180.000 euros ao financiamento de actividades do Consello da Xuventude de Galicia

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado destinará máis de 180.000 euros para financiar diferentes actividades organizadas polo Consello da Xuventude de Galicia (Conxuga) en materia de xuventude. Así se deduce de dous convenios asinados entre a titular de Xuventude, Pilar Rojo, e a presidenta do Conxuga, María Dolores Rodríguez Amoroso.

O primeiro dos documentos ten por obxecto financiar as actividades que vai realizar o Conxuga durante este ano, así como os gastos extraordinarios desta institución. Para este fin a Xunta, a través da Dirección Xeral de Xuventude, realizará unha achega de 170.097 euros, un 6,25% máis cá cantidade aportada o ano pasado.

Ademais, no acordo indícase que se poderá anticipar o 20% do importe total, así como realizar pagamentos parciais, a medida que o beneficiario vaia xustificando os gastos.

O Conxuga comprométese a colaborar na aportación de datos que precise a Xunta en materia de asociacións xuvenís, información e documentación xuvenil e a abonar todos os gastos relativos ao alugamento do local onde ten a súa sede social.

O segundo dos convenios ten como obxecto subvencionar unha actividade formativa dirixida a mulleres asociadas na comunidade autónoma, ofrecendo información e as ferramentas axeitadas para que o colectivo feminino poida acceder a postos de responsabilidade dentro das súas organizacións.

Tras a sinatura deste acordo, o Servizo Galego de Igualdade financiará un curso de dirección de asociacións dirixido a mulleres menores de 40 anos, que sexan membros de organizacións sen ánimo de lucro. O seminario terá unha duración de 98 horas e desenvolverase na EGAP. O SGI aportará 12.000 euros para o desenvolvemento deste curso.

Os contidos do seminario formativo, que ten como obxectivo proporcionar ferramentas e capacidades necesarias para que as participantes poidan exercer cargos de liderado nas súas asociacións, serán a teoría de xénero, a muller e liderado, políticas de igualdade, técnicas de comunicación, dirección de reunións e xestión de asociacións a través do uso das TIC´s e subvencións.

O Consello da Xuventude comprométese a organizar o devandito programa e remitir ao final un informe sobre a execución do mesmo e os resultados.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia