Skip to main content

Emprego e a Universidade de Santiago colaboran na organización de cursos de formación profesional ocupacional a distancia

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a Universidade de Santiago porán en marcha catro cursos de formación profesional ocupacional a distancia. A titular de Emprego, Belén Prado, asinou o convenio de colaboración co rector da USC, Senén Barro. Esta actuación é pioneira no conxunto do Estado; de feito, Galicia é referencia para outras Comunidades, que están a pedir información sobre os programas e aplicacións informáticas que substentan a impartición de formación ocupacional a distancia.

A consellería achegará un total de 100.000 euros á Universidade para a realización destes cursos, que se impartirán a través da Aula de Productos Lácteos. A programación ofertada consiste nun curso de formador ocupacional de 380 horas lectivas para 600 alumnos; outro de instalador de equipos e sistemas de comunicación de 50 horas e con 100 prazas; un curso de programas de retoque dixital e escaneado de imaxes de 200 horas e 100 alumnos e outro de ofimática de 125 horas e 100 alumnos. A finalidade desta colaboración é facilitar o acceso á formación profesional ocupacional daqueles alumnos con dificultades para acceder aos cursos na modalidade presencial.

Os interesados en inscribirse deberán cumplimentar un formulario a través de internet, na páxina web www.teleformacion.biz/Conselleria APL e facer chegar a documentanción esixida á Aula de Productos Lácteos da USC. Para realizar os cursos, con excepción do de ofimática, esixirase un coñecemento mínimo do sistema operativo Windows e da navegación por Internet, que se comprobará a través dunha proba de selección que se incluirá na páxina web.

Os cursos de formador ocupacional, ofimática e programas de retoque dixital e escaneado de imaxes terán, como máximo, un 25% por cento de clases en modo presencial. O de instalador de equipos e sistemas de comunicación terá, como mínimo, outro 25% da docencia en modo presencial.

A Aula de Productos Lácteos (APL) é un centro englobado dentro do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria da Universidade de Santiago. Dentro da APL existe unha división tecnolóxica especializada nas novas tecnoloxías da información e da comunicación, que realiza un traballo de investigación de desenvolvemento multidisciplinar no eido da formación en liña.

OBXECTIVOS

Os cambios tecnolóxicos da sociedade da información incrementan a complexidade do contorno de traballo, evidenciando a necesidade de recursos humanos cualificados que dominen o uso das novas tecnoloxías . A formación profesional ocupacional mellora as posibilidades de inserción laboral dos desempregados e a formación de formadores é necesaria para contribuir á formación continua dos traballadores en activo. A tarefa educativa como parte do ámbito laboral convértese nun investimento a longo prazo que repercute de xeito positivo na productividade dos recursos humanos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia