Skip to main content

O presidente da Xunta de Galicia recibiu á Premio Nobel da Paz, Rigoberta Menchú

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, recibiu no seu despacho de San Caetano á Premio Nobel da Paz 1992 Rigoberta Menchú. A indixenista guatemalteca, que participará hoxe en Santiago no programa Galicia, Camiños de Concordia, organizado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asinou no Libro de Ouro de Galicia.

Manuel Fraga manifestou tralo encontro que “é inútil” presentar a Rigoberta Menchú porque “é famosa e coñecida dende fai tempo” e sinalou que “é unha honra para Santiago” contar coa súa presenza, logo de obter “a designación dos Premios Príncipe de Asturias como lugar que favorece a concordia”. Para Fraga, a presenza da Nobel da Paz de 1992 achega “un exemplo dos máis complexos e difíciles como é o caso de Guatemala onde ela tivo unha enorme contribución”.

Así mesmo, o titular do Goberno autonómico aproveitou para transmitirlle ao ex presidente da nación e actual intendente da cidade de Guatemala Alvaro Enrique Arzú Yrigoyen, “os seus saúdos e a súa admiración”, posto que -segundo dixo Fraga- “non abonda con dicir as cousas necesarias, fai falta que alguén axude a facelas e creo que el fixo unha contribución moi importante”.

SANTIAGO, CIDADE LENDA

Pola súa banda, Rigoberta Menchú declarou sentirse “moi contenta de estar unha vez máis en Santiago”, unha “cidade lenda profunda culturalmente coñecida en todo o mundo”, e agradeceu a invitación da Administración autonómica galega para participar nun foro que lle permitirá “pronunciarse” verbo de asuntos relativos á “cooperación, solidariedade, apoio mutuo entre os pobos”, no marco das xornadas “organizadas pola concordia”.

Así mesmo, a líder pacifista amosou a súa “admiración” e o seu “agarimo polo presidente galego e declarou que “hai moito que cooperar entre Galicia e Guatemala”. Segundo dixo Menchú existen puntos de unión entre ambos países “nos planos da cultura, do desenvolvemento integral, en medio ambiente” “nos que traballar xuntos”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia