Skip to main content

Sanidade e USC establecen un marco de cooperación para o desenvolvemento do Campus da Saúde

A Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela estableceron un marco de referencia para a cooperación entre ámbolos dous departamentos no desenvolvemento do Campus de Ciencias da Saúde, de xeito coordinado coas necesidades do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Así quedou establecido a través da sinatura dun convenio, no edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, entre o titular do departamento sanitario galego, José Manuel González Álvarez; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro. Estiveron presentes tamén neste acto, e entre outros, os titulares dos centros implicados neste convenio marco, como son o xerente do Complexo Hospitalario de Santiago, Javier Ferreres; ou o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, José María Fraga Bermúdez.

Mediante esta sinatura establécese a colaboración entre Asistencia Sanitaria e Docencia, coordinando as accións necesarias para o axeitado desenvolvemento deste Campus de Ciencias da Saúde. Os eixes serán unha resposta coordinada ás necesidades docentes, asistenciais e investigadoras de ámbalas dúas institucións; a optimización e aproveitamento de recursos estructurais e tecnolóxicos e a accesibilidade da comunicación entre o complexo santiagués e o Campus.

Como destacou o conselleiro de Sanidade, pola existencia de obxectivos e un interese común, o presente marco de cooperación constitúe un elemento clave no desenvolvemento científico e profesional no eido biosanitario na comunidade autónoma, e reforza o nexo existente entre a Consellería de Sanidade, o Sergas, e a Universidade de Santiago.

Para materializar esta coordinación constituirase unha comisión específica, que se reunirá alomenos unha vez ao ano, e que poderá crear grupos de traballo para temas concretos. Cada unha das accións e decisións de cooperación concretas instrumentaranse por medio dun acordo ou convenio específico, no que se determinarán as fins e os medios para a súa realización.

Como o propio conselleiro de Sanidade destacou durante a sinatura, os profesionais do Complexo Universitario de Santiago de Compostela “conforman un equipo de alta especialización, de xeito que os nosos pacientes reciben, non só atención sanitaria, senón todo o respaldo dunha institución universitaria que ensina e investiga en pro da máxima calidade na atención da saúde”.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)