Skip to main content

Presentado o Plan Galego de Desenvolvemento Rural, a Galicia do 2020 no que se investirán 2.400 millóns de euros

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, presentou A Galicia do 2020: Plan Galego de Desenvolvemento Rural, un documento marco de actuación sobre o medio rural para os vindeiros 15 anos. O obxectivo último do Plan é acadar un desenvolvemento rural que permita un reequilibrio socioeconómico entre os sectores produtivos do medio rural e entre a costa e a Galicia de interior.

DIRECTRICES E METAS

Para conseguir este obxectivo adecuaranse as rendas económicas derivadas do rural á una axeitada calidade de vida equiparable ao das cidades. Esta adecuación pasa por unha serie de directrices que son: un tecido produtivo dimensionado que aproveite todos os recursos dispoñibles, un reforzo do sistema de vilas e cidades da emigración cara ás capitais municipais ou ás cabeceiras comarcais e non á periferia das cidades, unha produción para os mercados e nunca en función de axudas, o peche dos ciclos de produción, o fomento de agrupacións cooperativas ou comunais, a diversificación económica a través da potenciación de outros sectores, unha política de discriminación positiva a favor dos territorios rurais e un cambio na percepción social que do rural se ten.

ORZAMENTO

O marco orzamentario do Plan está preto dos 2.400 millóns de euros, dos cales o 60% pertencen a fondos propios da Xunta de Galicia, o que asegura a execución e viabilidade do Plan independentemente dos fondos europeos existentes. Ademais o 55% da inversión realizarase entre 2005 e 2009. As dotacións financeiras centraranse fundamentalmente (co 75% do orzamento) na dinamización do tecido produtivo e (co 22%) na mellora da calidade de vida no rural.

MEDIDAS E ACCIÓNS CONCRETAS

A Galicia do 2020 recolle 57 medidas e máis de 300 accións concretas que se executarán no territorio rural galego, clasificado en tres tipos de territorio: zonas de acción prioritaria, zonas intermedias e comarcas máis desenvolvidas.

A dinamización do tecido produtivo é un dos grandes eixes deste Plan. Este impulso levarase a cabo no sector primario a través da mobilización e xestión de terras agrarias, a mellora da produtividade agrícola e gandeira, o apoio ás explotacións agrícolas e gandeiras e o fomento do asociacionismo agroagandeiro, o impulso aos indicativos de calidade e o fomento da agricultura e gandería ecolóxica a través do asesoramento técnico, a potenciación da comercialización e consumo e a implantación de explotacións ligadas a este sector. Outras das medidas para o sector primario é a ordenación produtiva agraria comarcal que se materializará a través da realización dun mapa de usos de orientacións produtivas e a incentivación destas orientación, xunto con un programa de apoio ás producións alternativas.

Entre as medidas para dinamizar o sector secundario destaca o apoio ás PEMEs no rural a través de axudas para a creación, potenciación e consolidación de PEMEs, especialmente as promovidas por xoves e mulleres e apoio aos emprendedores de novo asentamento no rural.

Para dinamizar o comercialización dos produtos rurais achegaranse axudas á concentración da oferta e ao asociacionismo de empresarios rurais, o reforzo da figura das lonxas ou a localización dos produtos rurais nos puntos de venta de alto valor engadido. Ademais potenciaranse as empresas de servizos á poboación rural, darase un pulo ás cooperativas deste sector no rural e dinamizarase o turismo no medio rural.

ACCIÓNS PARA A MELLORA DA CALIDADE DE VIDA

Outro dos grandes eixes deste Plan é a calidade de vida no medio rural e a mobilización da iniciativa rural a través dos Grupos de Acción Local, o asociacionismo civil e o voluntariado. Como exemplos de actuacións concretas destacan as axudas para o arrendador e arrendatario de fincas turísticas, exencións fiscais nos procesos de compra venda, herdanzas ou permutas de terras, aplicación da ordenación produtiva agraria comarcal, creación de parques agroindustriais, creación do Instituto de Investigación, Formación e Tecnoloxía Agraria, creación da entidade de xestión do solo rural, plan de transporte comarcal para ter acceso á todos os servizos básicos en vinte minutos, mellora da electrificación, acceso global a Internet e bonificacións para o acceso ás explotacións e PEMEs, introdución de novas tecnoloxías, axudas para o acceso e a rehabilitación de vivenda, incremento do número de residencias de terceira idade e centros de día, atención domiciliaria á terceira idade, fomento do lecer no rural tanto para os seus habitantes como para os das cidades, aproveitamento do voluntariado no rural e descentralización dos servizos administrativos nun punto comarcal.

CONCENTRACIÓN E ATOMIZACIÓN EMPRESARIAL

No rural aséntanse 97.000 empresas e máis da metade das creadas cada ano en Galicia deciden establecerse en zonas consideradas rurais. Entre 1999 e 2001 creáronse 6.252 empresas no rural galego, onde segue a predominar o minifundismo empresarial, con empresas de menos de 5 traballadores. Constátase tamén un aumento da diversificación económica neste ámbito.

ANÁLISE POBOACIONAL

A densidade por habitante de Galicia (92 hab./km2) é superior á media española (79 hab./km2) e aproxímase á europea (117 hab./km2) e resulta alentador que ningunha comarca galega estea por debaixo dos 10 hab./km2.

Galicia conta con 29.990 núcleos de poboación (aproximadamente o 50% dos españois) e preto do 90% deles teñen menos de 100 habitantes. Todo o territorio está ocupado, pero a poboación está cada vez máis concentrada. Existen 185 entidades con máis de 1.000 habitantes, concentradas no eixe atlántico, que dan acubillo a máis da metade da poboación galega (1.401.664 habitantes).
DESENVOLVEMENTO RURAL SOSTIBLE

A planificación pretende darlle resposta as posibilidades do rural como espazo subministrador de alimentos; o potencial edafoclimático das terras máis produtivas e a capacidade madeireira dos montes; a transformación e comercialización de produtos referentes de calidade e diversidade; un desenvolvemento baseado no noso potencial endóxeno; a rendibilidade de recursos como a paisaxe, o medio natural ou a riqueza patrimonial; a explotación ata o límite da sustentabilidade dos nosos recursos; e a creación de perspectivas claras de futuro para a metade da poboación de Galicia e para dous terzos do seu territorio.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia