Skip to main content

Fraga sinala que o emprego, as infraestructuras, a solidariedade e o papel da muller serán os eixes da Galicia do progreso

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, esbozou o que será o futuro de Galicia nos vindeiros anos; un futuro marcado pola creación de emprego, por unha maior cohesión territorial coas principais cidades conectadas por ferrocarril e vías de alta capacidade; con máis solo industrial e maior oferta de enerxías limpas e baratas; e na que a familia continuará sendo o núcleo da sociedade galega sen menoscabar a “plena e igualitaria incorporación” da muller ao mercado laboral. Todo esto permitirá que Galicia non perda o tren do progreso e ocupe o posto que se merece en España e Europa.

O titular do Goberno galego debuxou así o porvir da Comunidade galega nos vindeiros catro anos no decurso dun relatorio titulado Galicia: Identidade e Perspectivas, pronunciado no Centro Social Caixanova de Vigo, ante unhas cincocentas persoas, dentro do ciclo de conferencias organizado polo Club Faro de Vigo. A presentación do relatorio correu a cargo do ex ministro Pío Cabanillas.

NOVO IMPULSO

Tras facer balance dos últimos quince anos de Goberno, Manuel Fraga salientou que “cómpre agora dar un novo e decidido impulso, para continuar progresando, converxendo, avanzando no camiño da definitiva modernización de Galicia”.

Este impulso centrarase na creación de emprego, cada vez de maior calidade, poñendo “especial énfase na redución do paro entre as mulleres e os mozos”. Ademais, a idea de Galicia como cidade única cobra protagonismo marcado pola conexión ferroviaria das cidades “en menos de media hora” e por vías de alta capacidade. “Unha cidade única –dixo- na que os 100 quilómetros de autovías e 271 de vías de alta capacidade previstos para a vindeira lexislatura contribuirán a integrar todas as nosas vilas nunha completa maia que cohesione todo o territorio”.

Esta cidade única estará tamén, perfectamente integrada nas redes europeas de transporte, converténdose no “eixo de conexión entre a cornixa cantábrica e a costa atlántica”, o que repercutirá directamente no incremento das “indiscutibles potencialidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.

CAPACIDADE INDUSTRIAL

Manuel Fraga anunciou que a Galicia do futuro pasar por mellorar a capacidade industrial nun marco de desenvolvemento sostible, “mediante o incremento da oferta de solo industrial e de enerxías limpas e baratas, como o gas (coa entrada en produción da planta de regasificación de Galicia), ou as enerxías solar e eólica”.

“As familias continuarán sendo o núcleo esencial da nosa sociedade”, apuntou o presidente da Xunta, nunha Galicia máis concienciada do novo papel que a muller desempeña socialmente e “máis disposta á súa plena e igualitaria incorporación ao mercado laboral”. O eido social desta nova Comunidade estará definido pola solidariedade coas persoas con discapacidade e máis respectuosa coas persoas maiores.

Mais todas estas transformacións xa se están a percibir. “Galicia está a vivir un cambio histórico, dos de verdade, dos que se palpan, se ven e se senten, e non dos que se quedan nun mero enunciado publicitario”, afirmou Manuel Fraga.

A xuízo do presidente da Xunta, os galegos atópanse “nun momento crucial para o noso país”. “Estanse a cuestionar, desde o Goberno central, as obras e os prazos que permitirían a Galicia instalarse definitivamente entre as rexións avanzadas de Europa”, salientou o mandatario galego. Ao tempo, subliñou que “outros están a poñer en risco, tamén irresponsablemente, a continuidade dos instrumentos financeiros que garanten a viabilidade da solidariedade entre as persoas e territorios de España”.

“Galicia non se pode permitir, nas actuais circunstancias, experimentos, que, como en Vigo, poden rematar no máis rotundo dos fracasos”, sentenciou antes de asegurar que o momento actual “esixe respostas firmes, e coherentes, proxectos concretos, moito traballo e moita sensatez”.

VIGO NA GALICIA FUTURA

Referíndose á cidade na que se atopaba, Manuel Fraga salientou que Vigo está chamada a desempeñar un papel transcendental nesta Galicia do futuro. Así, reducirase a distancia por estrada entre Vigo e Pontevedra a 15 minutos coa construción dunha nova autovía interior; e o remate en prazo do AVE –“que continuaremos esixindo do Goberno socialista”, asegurou-, diminuirá a distancia por ferrocarril a 12 minutos. Todo esto contribuirá a que a área metropolitana Vigo-Pontevedra “sexa un dos polos do desenvolvemento de Galicia”, para o que “asuminos o compromiso de priorizar a aprobación do proxecto de lei da área metropolitana en canto o Parlamento inicie a súa VII lexislatura”.

Ademais, a vivenda na cidade olívica será outra das áreas prioritarias, impulsando o desenvolvemento da terceira fase da construción de vivendas en San Paio e Navia ata chegar ás 5.000.

REITERADA CONFIANZA

Os avances experimentados por Galicia nas últimas catro últimas lexislaturas ocuparon gran parte da exposición de Manuel Fraga. Neste período, salientou, “tiven a inmensa honra de contar coa reiterada confianza do pobo galego para liderar o ilusionante proxecto de modernizar Galicia”; unha confianza outorgada aos “principios que sempre guiaron a miña vida política: reformismo e confianza no papel equilibrador das institucións políticas, moi en especial o rexionalismo”.

“Conseguimos –afirmou- que Galicia, e todos os galegos, sexamos plenamente conscientes da nosa identidade”, algo que pertencía, segundo apuntou Manuel Fraga, ao pobo galego por cultura e por historia, “pero que non exerciamos na súa totalidade”. Precisamente, a identidade propia foi o obxectivo principal do galeguismo histórico, fundamentalmente a partir de Alfredo Brañas, un dos piares que sustentan a idea de galeguismo defendida sempre por Manuel Fraga.

Neste novo marco, o pobo galego exerce “plena, libre e democraticamente o dereito á súa autoidentificación”. “Todos os galegos e galegas –engadiu-, tanto os que residimos en Galicia como os que o fan no exterior, somos responsablemente conscientes da nosa pertenza a unha Comunidade culturalmente diferenciada, pero plenamente integrada en España, proxectada cara á Europa da que formamos parte, con fondas raíces asentadas en América, e solidaria con todos os países do mundo”.

DISCURSO INTEGRADOR

Deste xeito, os galegos recoñecéronse ao longo destes últimos quince anos nun Goberno que defendeu o discurso integrador do galeguismo, que non utilizou as institucións autonómicas como instrumento para o enfrontamento “ou para o a permanente práctica dun vitimismo disgregador”; un Goberno que apostou “pola concordia, o diálogo e a integración” e que “asumiu como propia a obriga de mellorar o noso benestar, é dicir, nun Goberno responsable”, afirmou Manuel Fraga.

Así, durante este tempo este apoio concretouse en propostas como a reforma e afondamento do Estado das Autonomías; o intento de converter o Senado nunha auténtica Cámara de representación territorial, o fomento da participación das Autonomías na Unión Europea e na posta en marcha da Conferencia de Presidentes autonómicos.

O capítulo de avances rexistrados pola Comunidade en eidos como infraestruturas, sanidade, educación, etc. foi outra das partes do relatorio pronunciado por Manuel Fraga. Así, salientou que “se nalgún sitio era preciso unha decidida actuación de impulso das infraestruturas de comunicación era na Galicia de 1990, aínda lastrada para o seu desenvolvemento polo illamento co resto da Península e con importantes deficiencias nas súas vías interiores”.

MÁIS DE 1.000 NOVOS QUILÓMETROS

Segundo salientou o presidente da Xunta, en 1990 Galicia contaba só con 99 quilómetros de autoestrada contabilizados en varios tramos inconexos da actual autopista do Atlántico que une Ferrol con Tui. Na actualidade, a Comunidade conta con 639 quilómetros de autovías e 431 de vías de alta capacidade. “En 1990 en Galicia só había 13 estacións de autobuses. Hoxe contamos con 40”, dixo.

O mandatario galego subliñou tamén que a comezos da década dos 90, a Comunidade contaba con 13 estacións depuradoras de augas residuais e hoxe suma xa 152, de xeito que “o 95,64% da poboación galega residente en núcleos de máis de 2.000 habitantes conta con saneamentos, cando en 1990 apenas chegaba ao 17%”.

“Ata 1990, a media anual de monte queimado superaba as 100.000 hectáreas/ano”, salientou ao tempo que afirmou que hoxe apenas acada as 25.000. Reducíronse así máis do 75% , pese a circunstancias especiais como a seca de algúns anos.

No capítulo de educación, en 1990, en Galicia investíanse 717 millóns de euros en educación, mentres que actualmente ascenden a 1.567 millóns de euros. Outras cifras que dan conta dos avances rexistrados neste ámbito son os 223 centros de bacharelato fronte aos 136 daquela, os 171 de formación profesional, cando antes había 102, e os 14.910 profesores de ensinanza secundaria e 5.192 de ensino universitarios. Estes últimos, “espallados en sete campus, algúns, como o de Vigo, cunha dotación de edificios que mereceron o recoñecemento arquitectónico internacional”.

No ámbito sanitario, o Goberno galego inviste na actualidade 170.993 pesetas por habitante (1.027,7 euros), mentres que o Insalud gastaba en Galicia 58.760 pesetas (353,15 euros). Este incremento do gasto permitiu crear 150 novos centros de saúde; e pasar dunha rede hospitalaria pública composta por 18 hospitais a unha rede formada por 32 hospitais; “que pronto se verá incrementada coa construción do novo hospital de Vigo”, anunciou.

“Desde que Galicia xestiona as políticas activas de emprego, en xaneiro de 1998 –concretou Manuel Fraga-, afiliáronse á seguridade social 141.000 persoas”. Ademais, 170.000 persoas atoparon un posto de traballo, “co que se absorbeu o importante incremento da poboación activa galega, de máis de 130.000 persoas; e reduciuse o paro en máis de 40.000 persoas”.

CONFERENCIA DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NO CLUB FARO DE VIGO CO TÍTULO DE GALICIA: IDENTIDADE E PERSPECTIVAS

- “Ao longo das últimas catro lexislaturas, tiven a inmensa honra de contar coa reiterada confianza do pobo galego para liderar o ilusionante proxecto de modernizar Galicia. Foron moitos os avances que, co traballo de todos, Galicia experimentou neste frutífero período en todos os ámbitos: nas infraestruturas, no emprego, na educación, na sanidade, etc.”.

- “Galicia está a vivir un cambio histórico, dos de verdade, dos que se palpan, se ven e se senten, e non dos que se quedan nun mero enunciado publicitario. Cambios singulares que forman un todo coherente, porque se integran nun proxecto global para toda Galicia, inspirado nos principios que sempre guiaron a miña vida política: reformismo e confianza no papel equilibrador das institucións políticas, moi en especial o rexionalismo”.

- “Conseguimos que Galicia, e todos os galegos, sexamos plenamente conscientes da nosa identidade”.

- “O pleno desenvolvemento e exercicio dunha identidade que nos pertencía, por cultura e por historia, pero que non exercíamos na súa totalidade, foi, como é ben sabido, o obxectivo principal do galeguismo histórico, fundamentalmente a partir do grande Alfredo Brañas”.

- “O pobo galego exerce plena, libre e democraticamente o dereito á súa autoidentificación. Todos os galegos e galegas, tanto os que residimos en Galicia como os que o fan no exterior, somos responsablemente conscientes da nosa pertenza a unha comunidade culturalmente diferenciada, pero plenamente integrada en España, proxectada cara á Europa da que formamos parte, con fondas raíces asentadas en América, e solidaria con todos os países do mundo”.

- “Os galegos recoñecéronse nun Goberno que fixo seu, por convicción, o discurso integrador do galeguismo. Recoñecéronse nun Goberno que non utilizou as institucións autonómicas como instrumento para o enfrontamento, ou para a permanente práctica dun vitimismo disgregador. Recoñecéronse nun Goberno que, sen deixar nunca de defender o que por dereito nos corresponde, sempre apostou pola concordia, o diálogo, e a integración, tanto cara a dentro do país, cos representantes da sociedade civil e as administracións locais, como cara a fóra, nas relacións coas demais administracións españolas, europeas e internacionais. Recoñecéronse nun Goberno que asumiu como propia a obriga de mellorar o noso benestar, é dicir, nun Goberno responsable”.

- “A inmensa maioría dos galegos fixo seu o noso discurso reformista e galeguista, que se concretou en propostas para a reforma e o afondamento do Estado das Autonomías, como a de converter o Senado nunha auténtica Cámara de representación territorial de todos os territorios de España; a de fomentar mecanismos para a participación das Comunidades Autónomas na Unión Europea; ou a proposta de poñer en marcha unha Conferencia de Presidentes autonómicos”.

- “Se nalgún sitio era preciso unha decidida actuación de impulso das infraestruturas de comunicación era na Galicia de 1990, aínda lastrada para o seu desenvolvemento polo illamento co resto da Península e con importantes deficiencias nas súas vías interiores. En 1990 Galicia contaba só con 99 quilómetros de autoestrada, varios tramos inconexos da actual autopista do Atlántico que une Ferrol con Tui. Na actualidade, a decidida acción do meu Goberno, tanto no plano inversor, cos seus propios recursos, como no político, mediante a concertación co Estado do acurtamento dos prazos para a construción das obras que lle corresponden, fixeron que contemos con 639 quilómetros de autovías”.

- “En 1990 en Galicia non había nin un só quilómetro de vías de alta capacidade. Hoxe a rede autonómica conta con 431 quilómetros. En 1990 en Galicia só había 13 estacións de autobuses. Hoxe contamos con 40”.

- “En 1990, en Galicia tíñamos 13 estacións depuradoras de augas residuais. Hoxe contamos con 152, de xeito que o 95,64% da poboación galega residente en núcleos de máis de 2.000 habitantes conta con saneamentos, cando en 1990 apenas chegaba ao 17%”.

- “Ata 1990, a media anual de monte queimado superaba as 100.000 hectáreas/ano. Hoxe apenas acada as 25.000, unha redución de máis do 75% pese a que padecemos algún dos anos de maior seca desde que se comezaron a facer estatísticas”.

- “En 1990, en Galicia investíanse 717 millóns de euros en educación. Actualmente ascenden a 1.567 millóns de euros. Pasamos de ter 136 centros de bacharelato a ter 223; de 102 de formación profesional, a 171. De contar con 9.380 profesores impartindo ensinanza secundaria a 14.910; de 1.973 profesores universitarios a 5.192, espallados en sete campus, algúns, como o de Vigo, cunha dotación de edificios que mereceron o recoñecemento arquitectónico internacional.

- “O INSALUD gastaba en Galicia 58.760 pesetas por habitante. Hoxe, tras a transferencia da sanidade a Galicia, o SERGAS inviste 170.993 pesetas por habitante. Un incremento do gasto que permitiu crear 150 novos centros de saúde; pasar dunha rede hospitalaria pública composta por 18 hospitais a unha rede formada por 32 hospitais; que pronto se verá incrementada coa construción do novo hospital de Vigo. 10.000 novos profesionais incorporáronse, desde 1990, á sanidade pública galega.

- “Desde que Galicia xestiona as políticas activas de emprego, en xaneiro de 1998, afiliáronse á Seguridade Social 141.000 persoas. 170.000 persoas atoparon un posto de traballo, co que se absorbeu o importante incremento da poboación activa galega, de máis de 130.000 persoas; e ademais reduciuse o paro en máis de 40.000 persoas”.

- “Cómpre, agora, dar un novo e decidido impulso, para continuar progresando, converxendo, avanzando no camiño da definitiva modernización de Galicia”.

- “Un impulso que queremos centrar nos seguintes eidos: na aposta por continuar creando emprego, cada vez de maior calidade, con especial énfase na redución do paro entre as mulleres e os mozos”.

- “Propoñémonos facer de Galicia unha cidade única, na que as cidades estarán conectadas entre si por ferrocarril en menos de media hora, e por vías de alta capacidade. Unha cidade única na que os 100 quilómetros de autovías e 271 quilómetros de vías de alta capacidade previstos para a vindeira lexislatura contribúan a integrar a todas as nosas vilas nunha completa maia que cohesione todo o territorio”.

- “Unha cidade única perfectamente integrada nas grandes redes de transporte ferroviario e de estradas europeas, que sexa o eixo de conexión entre a cornixa cantábrica e a costa atlántica, incrementando as indiscutibles potencialidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha das apostas máis decididas do Goberno que me honro en presidir”.

- “Propoñémonos continuar mellorando, co apoio dos galegos, a nosa capacidade industrial nun marco de desenvolvemento sostible, mediante o incremento da oferta de solo industrial e de enerxías limpas e baratas, como o gas (coa entrada en produción da planta de regasificación de Galicia), ou as enerxías solar e eólica”.

- “Queremos unha Galicia solidaria coas familias que, por moito que pareza molestarlle a algúns, continuarán sendo o núcleo esencial da nosa sociedade. Unha Galicia máis concienciada do novo papel que a muller desempeña na nosa sociedade, e por iso máis disposta a súa plena e igualitaria incorporación ao mercado laboral. Unha Galicia máis solidaria coas persoas con discapacidade. Más respectuosa coas persoas maiores”.

- “Vigo, non me cabe a menor dúbida, desempeñará un lugar aínda máis destacado na Galicia do futuro”.

- “Propoñémonos reducir a distancia por estrada entre Vigo e Pontevedra a 15 minutos, coa construción dunha nova autovía interior; e continuaremos esixindo do goberno socialista o remate en prazo do AVE, que reducirá a distancia por ferrocarril a 12 minutos. Queremos que a área metropolitana de Vigo-Pontevedra sexa un dos polos do desenvolvemento de Galicia, e para iso asumimos o compromiso de priorizar a aprobación do Proxecto de Lei da área metropolitana en canto o Parlamento de Galicia inicie a súa VII lexislatura”.

- “Impulsaremos o desenvolvemento da 3ª fase da construción de vivendas en San Paio de Navia, ata chegar ás 5.000; cunha especial atención á promoción de vivendas sociais”.

- “Estamos nun momento crucial para o noso país. Estanse a cuestionar, desde o Goberno central, as obras e os prazos que permitirían a Galicia instalarse definitivamente entre as rexións avanzadas de Europa. Outros están a poñer en risco, tamén irresponsablemente, a continuidade dos instrumentos financeiros que garanten a viabilidade da solidariedade entre todas as persoas e territorios de España”.

- “Galicia non se pode permitir, nas actuais circunstancias, experimentos que, como en Vigo, poden rematar no máis rotundo dos fracasos. O momento actual esixe da nosa Autonomía respostas firmes e coherentes, proxectos concretos, moito traballo e moita sensatez”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia