Skip to main content

Manuel Fraga destaca o grande esforzo investidor da Xunta no Plan de Infraestruturas Xudiciais, cun investimento próximo aos 50 millóns de euros

“O Goberno galego fixo e fai un grande esforzo investidor no Plan de Infraestruturas Xudiciais que, a día de hoxe, conta con 38 actuacións xa rematadas ou en curso, e cun investimento próximo aos 50 millóns de euros”. Son palabras do presidente da Xunta, que inaugurou o renovado edificio do xulgado na localidade lucense da Fonsagrada, acto ao que tamén asistiron o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente; o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local; e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

MODERNIZACIÓN E ADAPTACIÓN AOS NOVOS TEMPOS

O titular do Executivo galego remarcou que para a “trascendental” función de impartir xustiza son precisos un conxunto de medios que posibiliten a tramitación dos procesos e a execución das resolucións ditadas polos xuíces, sinalando que a “primeira e básica dotación” é a sede dos propios tribunais.

Manuel Fraga explicou que a Xunta “vén afondando” na mellora dos medios da Administración de Xustiza desde que asumiu as competencias en materia de medios materiais e económicos en 1995. Referiuse así á “significativa modernización” experimentada, destacando a informatización de todos os postos de traballo e a adaptación ás novas tecnoloxías.

O mandatario galego indicou que o edificio renovado contará a partir de agora cun total de 520 metros cadrados de superficie útil, explicando que as reformas consistiron fundamentalmente na supresión de barreiras arquitectónicas, así como no acondicionamento de locais, a mellora das instalacións e a rehabilitación da zona posterior do inmoble.

O presidente da Xunta expresou o desexo de que a obra sirva para “reforzar os principios de axilidade, eficacia e calidade” no funcionamento da Administración de Xustiza, e amosouse convencido de que o edificio renovado permitirá mellorar a atención prestada aos cidadáns da zona, facilitando ao tempo o labor dos propios traballadores.

PALABRAS DE MANUEL FRAGA NA INAUGURACIÓN DO RENOVADO EDIFICIO DO XULGADO DA FONSAGRADA

- “Sempre é un pracer visitar esta comarca, considerada como unha das zonas montañosas de máis beleza de Galicia e dotada dunha inmellorable riqueza etnográfica e dun patrimonio arquitectónico de grande interese artístico”.

- “A Xunta de Galicia vén afondando na mellora dos medios para a nosa Administración de Xustiza desde 1995, cando asumiu as competencias en materia de provisión de medios materiais e económicos para o seu funcionamento. Desde ese ano, este importante servizo público experimentou en Galicia unha significativa modernización nos seus medios materiais, cunha especial atención á informatización de todos os postos de traballo, e cunha adaptación ás novas tecnoloxías e ás esixencias que viñeron dadas polos cambios normativos”.

- “O Goberno galego fixo e fai un grande esforzo investidor no Plan de Infraestruturas Xudiciais que, a día de hoxe, conta con 38 actuacións xa rematadas ou en curso e cun investimento próximo aos 50 millóns de euros”.

- “Como consecuencia desta obra, hoxe atopamos un inmoble adaptado ao noso tempo e que responde ao programa de necesidades dun órgano xudicial adecuado coa normativa urbanística vixente e que cumpre coa lei de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas da Comunidade Autónoma”.

- “Xa para finalizar, e co reiterado desexo de que esta obra contribúa a reforzar os principios de axilidade, eficacia e calidade no funcionamento da Administración de xustiza, declaro inaugurada a reforma e adaptación do edificio do xulgado da Fonsagrada”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia