Skip to main content

Familia e Gadisa colaborarán na IV Campaña Contra o Maltrato Infantil

A Consellería de Familia e a empresa Gadisa colaborarán na IV Campaña contra o Maltrato Infantil, tal e como acordaron a titular de Familia, Pilar Rojo, e o presidente da empresa alimentaria, Roberto Tojeiro.

Pilar Rojo destacou a importancia de campañas como esta que “contribúen a implicar á sociedade nunha labor tan esencial como é a de velar polo benestar da infancia en xeral e de cada neno en particular”.

Rojo recordou a utilidade de servizos como o Teléfono do Neno, o 112, dispoñible as 24 horas do día de xeito gratuíto, para que se alerte de posibles casos de maltrato ou desamparo.

A través do convenio asinado, os establecementos Gadis e centros comerciais Haley comprométense a ofrecer a todos os clientes, en caixa, xunto co recibo da compra, folletos informativos que permitan aos cidadáns colaborar na protección da infancia, amosando os recursos existentes e as formas de alertar sobre posibles malos tratos a menores.

Os carteis e dípticos estarán nos devanditos comercios alomenos unha semana. Gadisa colabora ademais no seu financiamento.

O primeiro dos dípticos alerta sobre o maltrato á infancia, con datos como que entre os 0 e os 16 anos, un 10 e un 5 por cento de nenas e nenos, respectivamente, sofren algún tipo de abuso sexual. Tamén relaciona os distintos tipo de malos tratos, diferenciando entre o activo e o pasivo, e citando outras formas de conculcar os dereitos dos pequenos, como o abandono ou a súa utilización para delinquir. Como posibles indicadores para detectar o maltrato, á marxe dos sinais que deixa o castigo físico, recolle o comportamento demasiado agresivo cos compañeiros ou amigos ou unha excesiva timidez. Finalmente, o folleto advirte sobre a obriga e a necesidade de denunciar estes casos.

Outra documentación que se distribuirá a través dos comercios refírese específicamente ao Teléfono do Neno, unha liña telefónica que funciona desde 1994 e que pode ser utilizada por todos os rapaces e rapazas para pedir axuda ou consello cando outra persoa, un descoñecido, un veciño, un familiar ou un amigo, estea a tratalos mal. Os maiores tamén poden utilizar este número para alertar dalgún caso.

Desde o ano 1997, co lanzamento do Carné Prudencia, a Xunta iniciou unha serie de actuacións en materia de política preventiva en relación coa infancia, poñendo especial fincapé na protección dos nenos contra todo tipo de maltrato. Nestes casos a Consellería de Familia dispón dun programa específico destinado a “pequenos maltratados e abusados no contexto familiar”. Esta iniciativa desenvólvea un equipo específico denominado Enma.

Este equipo traballa en colaboración cos técnicos do menores dependentes da Dirección Xeral de Familia. Unha vez examinada cada circunstancia particular determínase a necesidade ou non de incorporar outros recursos da rede como poden ser os educadores familiares, os gabinetes psicolóxicos ou a asistencia a centros de día.

Desde setembro de 2000 existe tamén un protocolo de actuación en caso de abuso a menores que establece accións e vías de coordinación entre os organismos con competencias na materia. A finalidade é promover a axilidade administrativa para dar unha resposta eficaz e global no momento de abordar esta problemática. Este acordo foi asinado hai catro anos polas consellerías de Familia, Xustiza e Sanidade, pola Delegación do Goberno en Galicia, o Tribunal Superior de Xustiza e o Valedor do Pobo.

Así mesmo, o departamento que dirixe Pilar Rojo ten editada unha Guía para a detección do maltrato infantil, unha publicación que define amplamente os malos tratos, os seus indicadores e as fórmulas de notificación dos mesmos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia