Skip to main content

Manuel Fraga salienta que Galicia é a primeira potencia forestal de España e a segunda comunidade no aproveitamento da biomasa

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, salientou que Galicia é a primeira “potencia forestal de España” e a segunda Comunidade Autónoma no aproveitamento da biomasa o que, segundo sinalou, representa unha vantaxe competitiva “da que aínda podemos obter maior rendibilidade”. O titular do Goberno galego fixo estas afirmacións esta mañá, durante a inauguración das Xornadas Nacionais sobre Xestión de Biomasa Agroforestal, organizadas pola Consellería de Medio Ambiente, que se van desenvolver en Santiago entre hoxe e mañá. Na inauguración, Manuel Fraga estivo acompañado polo vicepresidente segundo da Xunta, e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro.

Na súa intervención, Fraga sinalou que esta maior rendibilidade virá dada pola gran variedade de materias incluídas no concepto de biomasa, o que permite estudar tamén diversos aproveitamentos enerxéticos que xa se están levando a cabo na Comunidade galega. Entre eles, citou o emprego da biomasa forestal e dos cultivos enerxéticos para producir enerxía –a potencia total instalada en Galicia é de 40 megavatios-, e a elaboración de biocombustibles a partir da biomasa, que permiten substituír aos combustibles convencionais e supoñen unha boa alternativa para reducir as emisións de CO_ á atmosfera, avanzado así cara o cumprimento do Protocolo de Kyoto.

ESFORZO NOS ÚLTIMOS OITO ANOS

O máximo mandatario autonómico tamén se referiu ao avance experimentado nos últimos anos no que á xestión de residuos agroforestais se refire, tanto desde o punto de vista normativo como desde o punto de vista práctico. Neste sentido, Manuel Fraga lembrou que en 1997 o Goberno galego creou un departamento autonómico de Medio Ambiente con rango de Consellería. “Oito anos despois –sinalou-, e unha vez postas as bases e as condicións precisas para dar cumprimento aos novos criterios de actuación xurdidos en relación coa mellora da calidade de vida dos cidadáns e a protección do medio ambiente en xeral, a Xunta afronta, con madurez novos retos”.

OS NOVOS RETOS

Trátase, segundo sinalou o presidente do Goberno galego, de novas actuacións e novos proxectos de futuro cos que dar un impulso ao traballo realizado na busca de solucións máis eficaces e axeitadas ás necesidades e problemas específicos que presenta, na actualidade, a xestión da biomasa agroforestal. “Desde a Xunta de Galicia –engadiu- camiñamos cara á mellora continua da xestión dos nosos recursos, cara o desenvolvemento sostible que a nosa política ambiental ten como eixe básico de acción”.

Nesta mesma liña, Manuel Fraga lembrou que, na Comunidade galega xa é unha realidade o tratamento e xestión integral de todo tipo de residuos. “Unha realidade que nos enche de orgullo e satisfacción, pero que non nos pecha os ollos aos novos retos que, día a día -dixo-, xorden en materia de medio ambiente e nos obrigan a reciclarnos nos nosos conceptos e políticas inducíndonos a un continuo e necesario avance”.

XORNADAS SOBRE XESTIÓN DE BIOMASA

Por último, o máximo mandatario autonómico deulles a benvida a todos os participantes nas Xornadas Nacionais sobre Xestión de Biomasa Agroforestal, que se van desenvolver entre hoxe e mañá no Hotel Puerta del Camino, en Santiago. Desexoulles, ademais, que estas sesións sexan “do seu máximo interese” e “nos sirvan a todos para continuar afianzando o compromiso co medio ambiente, tal e como foi, e seguirá a ser, o noso firme propósito”, sentenciou.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DAS XORNADAS NACIONAIS SOBRE XESTIÓN DE BIOMASA AGROFORESTAL

- “Estas xornadas servirán como foro de discusión e punto de encontro idóneo para o intercambio de experiencias e o tratamento daqueles temas que suscitan neste momento un maior interese e debate en materia de xestión de biomasa agroforestal”.

- “No transcurso das mesmas exporanse aspectos relacionados coa produción de biomasa, os potenciais que nos ofrece, as alternativas de xestión de que se dispón e as virtudes e dificultades que entraña cada unha delas”.

- “Coa implantación destas alternativas poderase observar que se tenta abordar un problema global composto pola existencia de espazos degradados que precisan ser recuperados, o aumento da xeración de residuos e a crecente demanda de enerxía”.

- “Oito anos despois [da creación da Consellería de Medio Ambiente], e unha vez postas as bases e as condicións necesarias para dar cumprimento aos novos criterios de actuación xurdidos en relación coa mellora da calidade de vida dos cidadáns e a protección do medio ambiente en xeral, a Xunta de Galicia afronta, con madurez, novos retos”.

- “Desde a Xunta de Galicia camiñamos cara a mellora continua da xestión dos nosos recursos, cara un desenvolvemento sostible que a nosa política ambiental ten como eixo básico de acción”.

- “Galicia, ademais de ser a primeira potencia forestal de España, é a segunda Comunidade Autónoma no aproveitamento de biomasa. Esto representa unha vantaxe competitiva da que aínda podemos obter unha maior rendibilidade”.

- “Esta rendibilidade virá dada pola gran variedade de materias incluídas no concepto de biomasa que permite plantexarnos diversos aproveitamentos enerxéticos e que se están levando a cabo na nosa Comunidade: o emprego da biomasa forestal e dos cultivos enerxéticos para producir enerxía. A potencia total instalada en Galicia é de 40 megavatios; a elaboración de biocombustibles a partir da biomasa, que poden substituír aos combustibles convencionais e constituír unha alternativa para reducir as emisións de CO_ á atmosfera, avanzando así cara o cumprimento do Protocolo de Kyoto”.

- “En calquera caso, e a pesar dos bos resultados actuais, o presente e o futuro da xestión da biomasa agroforestal en Galicia constitúe un reto que non imos desaproveitar á hora de seguir avanzando na consecución de novos logros e novas alternativas nesta materia”.

- “En resumo, e como antes dicía, os galegos conseguimos que nesta Comunidade Autónoma o tratamento e a xestión integral de todo tipo de residuos sexa xa unha realidade. Unha realidade que nos enche de orgullo e de satisfacción, pero que non nos pecha os ollos aos novos retos que, día a día, xorden en materia de medio ambiente, e nos obrigan a reciclarnos nos nosos conceptos e políticas, inducíndonos a un continuo e necesario avance”.

XORNADAS NACIONAIS SOBRE XESTIÓN DE BIOMASA AGROFORESTAL

As Xornadas Nacionais sobre Xestión de Biomasa Agroforestal, organizadas pola Consellería de Medio Ambiente, e que se desenvolverán entre hoxe e mañá no Hotel Puerta de Camino de Santiago, abordarán diversos aspectos relacionados coa produción de biomasa, os potenciais que ofrece este sistema, as alternativas de xestión de que se dispón e as virtudes e dificultades que entraña cada unha delas.

Así, ao longo destes dous días os expertos na materia debaterán, entre outros asuntos, sobre A estratexia na xestión da biomasa agroforestal, a Situación e perspectivas da biomasa no plan de fomento das enerxías renovables, e O reto da biomasa no Plan de fomento das enerxías renovables. Así mesmo, durante estas dúas xornadas tamén se celebrarán dúas sesións temáticas distintas, baixo o título Produción e tratamento de biomasa e Producción e uso de biocombustibles e dúas sesións monográficas que versarán sobre Biomasa e enerxía e Biomasa e compostaxe.

As xornadas serán clausuradas na xornada de mañá polo vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia