Skip to main content

Galicia consegue en maio o maior descenso do paro dos últimos dez anos nese mes

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego galegas diminuíu no pasado mes de maio en 8.504 persoas con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 4,7 por cento. Este é o maior descenso producido nun mes de maio nos últimos dez anos. En total, o número de desempregados en Galicia foi de 172.079 persoas o pasado mes. Así se recolle no informe do paro rexistrado correspondente ao mes de maio de 2005, feito público hoxe polo Servizo Galego de Colocación, dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. A actual taxa de paro de Galicia (recollida nos últimos datos da Enquisa de Poboación Activa, relativos ao primeiro trimestre de 2005) sitúase no 10,90 por cento, constituíndose así como unha das máis baixas rexistradas nesta Comunidade na súa historia.

Rexistrouse un descenso interanual do desemprego, con 4.087 parados menos no pasado mes que en maio de 2004. Este descenso contrasta coa tendencia dos últimos anos, nos que se experimentaba unha suba interanual do desemprego entre abril e maio. Desde xaneiro deste ano o número de desempregados descendeu en 17.365 persoas, o que supón un descenso do 9,2% neste período.

EVOLUCIÓN MENSUAL

En maio o desemprego descendeu en Galicia en 8.504 persoas con respecto ao mes de abril, é dicir, un 4,7%. A diminución do paro rexistrado tivo o seu reflexo en todas as provincias galegas. O descenso máis acusado, en termos absolutos, produciuse na provincia de Pontevedra, con 3.348 parados menos que no mes de abril, seguida da provincia da Coruña, na que o número de desempregados baixou en 2.410 persoas. Así mesmo, en Lugo rexistráronse 1.446 parados menos, e o descenso en Ourense foi de 1.300 persoas.

O descenso tivo o seu reflexo tanto nos homes como nas mulleres, saíndo do paro no último mes 3.168 galegas. Así mesmo, por idades, reduciuse no grupo de menores de 25 anos e no que agrupa a maiores desta idade.

SECTORES

No que se refire á distribución por sectores, o paro descendeu en maio con respecto ao mes de abril dun xeito máis acusado no sector servizos, no que o número de desempregados reduciuse en 6.052 persoas, seguido dos da construcción, no que se rexistraron 1.674 desempregados menos, o sector da industria (baixou o paro en 819 persoas) e o de agricultura e pesca, no que descendeu en 454 desempregados. No sector denominado “sen emprego anterior” rexistrouse un leve incremento, con 495 parados máis.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia