Skip to main content

Manuel Fraga lembra que Galicia necesita estabilidade e continuidad para garantir que os logros xa acadados se multipliquen no futuro inmediato

“Non creo que sexa agora tempo de estrañas aventuras que non sabemos a onde poden conducir. Galicia necesita estabilidade, unha imaxinativa continuidade para garantir que os logros acadados se multipliquen no futuro inmediato”. Así de contundente se amosou hoxe o presidente da Xunta, Manuel Fraga, durante a clausura, en Santiago, da xornada Competitividade: un reto para as nosas empresas, na que participaron numerosos empresarios galegos e expertos na materia.

“Aqueles que traballan polo seu negocio, pola súa empresa, polo seu comercio, o que queren é ter seguridade sobre o seu futuro, sobre as súas expectativas”, indicou o máximo mandatario autonómico, salientando que esa confianza “só se pode acadar con políticas que xa teñen dado probas dabondo da súa eficiencia e eficacia”.

Neste sentido, Manuel Fraga referiuse á política económica levada a cabo polo Goberno galego nos últimos anos, unha política que posibilitou que Galicia saíse da súa “feble” condición económica e acadase logros como a mellora da converxencia coa Unión Europea ou o avance en termos de PIB per cápita.

Sen embargo, o titular do Goberno galego non se deu por satisfeito e avogou por seguir indo a máis no crecemento económico, na creación do emprego e na introdución das novas tecnoloxías.

OBXECTIVOS

Neste sentido, Manuel Fraga lembrou que a política económica levada a cabo nos últimos tempos polo Goberno que preside “permítenos ter por obxectivo, razoablemente, a creación de 120.000 novos empregos”, dos cales 80.000 estarían destinados a mulleres, cunha substancial rebaixa da taxa de paro feminina, ata o 9,9 por cento, e da taxa xuvenil, ata o 7,5 por cento.

“Queremos, ademais, incrementar ata o 1,5 por cento do PIB o gasto en I+D+i –sinalou o máximo mandatario autonómico- porque estamos certos de que este tipo de investimentos son garantía para unha mellor competitividade empresarial, e desexamos, á vez –dixo-, mellorar a capacitación de todo o noso capital humano, contando cuns profesionais altamente cualificados”.

De igual xeito, Manuel Fraga sinalou como outro dos obxectivos prioritarios da Xunta medrar dúas décimas máis que España de media anual e acadar unha redución diferencial en PIB per cápita con respecto a España, de un punto cada ano. “Non está de máis lembrar que o noso PIB por habitante, medido en paridades de poder adquisitivo, representaba en 1995 o 78,7 por cento da media española, mentres que hoxe representa o 81,6 por cento”, sinalou. Isto, engadiu, “é outro feito máis que demostra o progreso que está a experimentar Galicia”.

COMPLICACIÓNS PARA LOGRAR COMUNICACIÓNS “DIGNAS”

Malia que o territorio galego conta, actualmente, con infraestruturas de todo tipo (enerxéticas, viarias, agrarias, oferta de solo industrial...), Manuel Fraga lamentou que existan certos impedimentos para seguir avanzando neste camiño. “Lamentablemente –sinalou- aínda temos complicacións para conseguir unhas comunicacións dignas a través dun tren de alta velocidade. Pero é algo ao que non renunciamos nin renunciaremos –asegurou-, porque é a esixencia de todo un pobo”.

Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou que as actuacións comprendidas no Plan Galicia precisan un compromiso orzamentario “serio, responsable e dun calendario axeitado”, que, polo de agora, o Goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero non asumiu. “As cifras de licitación oficial e de compromisos orzamentarios para o plan deixan sobre a mesa unha soa evidencia: Galicia deixou de ser unha prioridade para o Goberno socialista”. “Non queremos privilexios, pero tampouco desexamos marxinacións”, engadiu Manuel Fraga, quen dixo entender que os empresarios vinculados directamente ás obras públicas estean preocupados, porque tanto en termos económicos coma de emprego, “unha paralización semellante comporta moitas inquedanzas”.

APOSTA DE FUTURO

Na súa intervención, Manuel Fraga dixo estar diante dunha etapa “esperanzadora”, na que Galicia ten que ir a máis e consolidar a traxectoria positiva, “da cal –dixo dirixíndose aos participantes na xornada sobre competitividade- vós sodes protagonistas principais no presente e o seguiredes a ser no futuro”. “Temos que ser nós mesmos os que deseñemos os obxectivos e as metas dese futuro, sen deixar que outros decidan por nós”. “Nesta toma de decisións, proceso ao cal vós estades tan afeitos nos vosos negocios –sinalou Fraga-, xóganse cuestións de moita importancia e eu confío en seguir contando coa contribución do tecido empresarial para incrementar a riqueza de Galicia, o seu progreso, o seu benestar”.

RECOÑECEMENTO

Por último, o máximo mandatario autonómico agradeceu a contribución dos empresarios e os emprendedores, que arriscaron o propio para xerar riqueza e emprego na Comunidade galega. “É de xustiza recoñecelo hoxe aquí”, sinalou, lembrando que a converxencia coa Unión Europea e os avances en termos de PIB per cápita no conxunto de España se explican, en boa medida, por este labor empresarial.

Así mesmo, o presidente galego dixo facer súas as inquedanzas dos empresarios e puxo á súa disposición todas as liñas de axuda financeira postas en marcha pola Xunta. “Fago miñas todas as vosas inquedanzas, as vosas lexítimas aspiracións e lémbrovos que todas as liñas de axuda financeira do Igape e as distintas políticas sectoriais da Xunta están á vosa disposición”, sentenciou.

Finalmente, o titular do Goberno galego dirixiuse aos mozos, lembrando que é necesario suscitar novas vocacións empresariais entre a xente nova porque eles, asegurou, “son os mellor situados para advertir as novas posibilidades de negocio”. “Eles teñen a puxanza da súa vitalidade xuvenil e nós temos a obriga de axudarlles a pór en marcha as súas iniciativas”, sinalou.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA CLAUSURA DA XORNADA COMPETITIVIDADE: UN RETO PARA AS NOSAS EMPRESAS

- “Os Gobernos que tiven a honra de presidir desde 1990 comprometéronse, certamente, na aposta de axudar a Galicia a saír da súa feble condición económica. Pero o éxito que os grandes datos e cifras macroeconómicos amosan corresponde pola propia forza dos feitos aos empresarios, grandes e pequenos, aos emprendedores, a aqueles que souberon arriscar o propio para xerar riqueza e emprego no conxunto de toda Galicia”.

- “Fago miñas todas as vosas inquedanzas, as vosas lexítimas aspiracións e lémbrovos que todas as liñas de axuda financeira do Igape e as distintas políticas sectoriais da Xunta están á vosa disposición”.

- “É urxente suscitar novas vocacións empresariais entre a xente nova, porque eles son os mellor situados para advertir as novas posibilidades de negocio. Eles teñen a puxanza da súa vitalidade xuvenil e nós temos a obriga de axudarlles a pór en marcha as súas iniciativas”.

- “Permitídeme unha confesión: non creo que sexa agora tempo de estrañas aventuras que non sabemos a onde poden conducir. Galicia necesita estabilidade, unha imaxinativa continuidade para garantir que os logros acadados se multipliquen no futuro inmediato. Todos vós sodes conscientes dos retos aos que se enfronta o noso país e a nosa Comunidade Autónoma”.

- “Esa confianza –que é unha virtude esencial no mundo da macroeconomía e da microeconomía- só se pode alcanzar con políticas que teñen dado probas dabondo da súa eficiencia e eficacia”.

- “Temos que ir a máis no crecemento económico; temos que ir a máis na creación de emprego, con prioridade no mercado laboral para a xente nova e para as mulleres; temos que ir a máis na introdución das novas tecnoloxías, no desenvolvemento de políticas de innovación, na utilización de ferramentas que nos ofrece a sociedade da información”.

- “A política económica seguida nos últimos tempos, permítenos ter por obxectivos, razoablemente, a creación de 120.000 novos empregos, dos cales 80.000 serían para mulleres, cunha substancial rebaixa da taxa de paro feminina, ata o 9,9%, e da taxa xuvenil, ata o 7,5%”.

- “Queremos, ademais, incrementar ata o 1,5% do PIB o gasto en I+D+i, porque estamos certos de que este tipo de investimentos son garantía para unha mellor competitividade empresarial. E desexamos, á vez, mellorar a capacitación de todo o noso capital humano, contando cuns profesionais altamente cualificados”.

- “Esa riqueza vai contribuír dun xeito decidido a conseguir outro dos nosos obxectivos: crecer dúas décimas máis que España de media anual e acadar unha redución do diferencial en PIB per cápita con respecto a España, nun punto cada ano. Non está de máis lembrar que o noso PIB por habitante, medido en paridades de poder adquisitivo, representaba en 1995 o 78,7% da media española, mentres que hoxe representa o 81,6%”.

- “Lamentablemente, aínda temos complicacións para conseguir unhas comunicacións dignas a través dun tren de alta velocidade. Pero é algo ao que non renunciamos nin renunciaremos, porque é a esixencia de todo un pobo”.

- “Non queremos privilexios, pero tampouco desexamos marxinacións. O Plan Galicia precisa dun compromiso orzamentario serio, responsable, e dun calendario axeitado para as obras que o Goberno central se comprometeu a abordar. Polo de agora (...), as cifras de licitación oficial e de compromisos orzamentarios para o Plan deixan sobre a mesa unha soa evidencia: Galicia deixou de ser unha prioridade para o Goberno socialista”.

- “Galicia ten que ir a máis e consolidar esta traxectoria positiva, da cal vós sodes protagonistas principais no presente e o seguiredes a ser no futuro. Temos que ser nós mesmos os que deseñemos os obxectivos e as metas dese futuro, sen deixar que outros decidan por nós. Temos, tamén, que ser nós os que establezamos medidas para mellorar o crecemento da poboación, a través de medidas que propicien o crecemento vexetativo e alenten o crecemento ordenado da inmigración”.

- “Queremos máis competitividade para a nosa economía, queremos máis presenza exterior das nosas empresas, desexamos máis investimentos estranxeiros en Galicia, traballamos por unhas pequenas e medianas empresas inseridas nas novas tecnoloxías e cun persoal altamente cualificado”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia