Skip to main content

Pérez Varela presentou en Ortigueira o libro e a mostra Ortigueira, raíces de agua, de Isabel Fernández

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Jesús Pérez Varela, presentou en Ortigueira o libro Ortigueira. Raíces de Agua, de Isabel Fernández, que ven a complementar a exposición pictórica do mesmo nome que se pode visitar desde este mediodía no claustro do edificio do Concello desta vila coruñesa. No acto inaugural, Pérez Varela asegurou que “a través deste libro non só podemos disfrutar e confirmar a fermosura do patrimonio natural, paisaxístico e humano de Ortigueira, senón que tamén resulta un constante descubrimento, revelando aspectos, sensacións, historias e recunchos novos”. Ademais, dixo que “estamos diante dunha iniciativa cultural feita con cariño, con vocación artística e histórica, con calidade e afán de ofrecer algo singular e distinto, unha perspectiva inédita das terras de Ortigueira que ven a incrementar o patrimonio cultural desta zona e a descubrila un pouco máis”.

O conselleiro de Cultura gabou os atractivos turísticos da rexión que están reflectidos nas acuarelas da obra de Isabel Fernández, de quen dixo que a súa “diversificada experiencia vital e artística foi decisiva para dar co sentido deste proxecto e facelo realidade”.

AUXE TURÍSTICO

Durante a presentación de Raíces de Auga celebrada no Teatro da Beneficiencia, Pérez Varela declarou que entre o que máis aprecian os turistas que nos visitan, sobresae “a diversidade e singularidade da nosa terra”, e engadiu que “somos un país con personalidade propia no que, á súa vez, cada comarca, cada localidade, cada recuncho, sabe ser distinto ao mesmo tempo que integrado, para dar como resultado esa acuarela xigante de matices constantes que é Galicia”.

Perante o rexedor munIcipal, Antonio Campo Fernández, o titular de Cultura salientou, verbo do auxe turístico galego, que “nos últimos tempos logramos algo impensable hai só dez anos: coa colaboración de todos, fixemos do turismo un sector estratéxico para Galicia, representando xa nestes momentos o 10% do Producto Interior Bruto da nosa comunidade”.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia