Skip to main content

A Xunta concentrará as terras da parroquia de Fisteus no concello coruñés de Curtis

O conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, presentou o proxecto para a execución da concentración parcelaria da zona da parroquia de Fisteus, pertencente ao Concello coruñés de Curtis. O obxecto de concentración é toda a superficie da parroquia que ascende ás 4.075 hectáreas divididas en arredor de 20.000 parcelas. Co proceso de concentración preténdese reducir o número de predios de substitución a un total de 4.550.

O Decreto que regula a utilidade pública e a urxente ocupación dos terreos foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o pasado 26 de maio, polo que en cuestión de días sairá publicado no Diario Oficial de Galicia. A partir dese momento, en non menos de 6 meses darán comezo as obras.

O proceso concentrador suporá principalmente a mellora das explotacións agrarias ao facilitar fincas de dimensións máis axeitadas para obter unha maior rendibilidade e, por outra parte, a mellora da rede de comunicacións a través dos novos camiños e ampliación doutros antigos.

Todo isto contribuirá á elevación do nivel das explotacións, repercutindo no benestar dos titulares das explotacións que, nesta parroquia, centran a súa actividade na gandería e na agricultura destinada á alimentación do gando (prado, forraxe e pastizal).

O montante total do investimento da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural destinada á realización dos servizos técnicos e obras inherentes ao proceso é superior aos 10 millóns de euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia