Skip to main content

O programa Danza na Rede do Igaem ofrece un total de 39 funcións a cargo de 8 compañías

O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo vén de poñer en marcha, por terceiro ano consecutivo, o programa Danza na Rede, un evento de difusión de danza contemporánea que, nesta ocasión, ofrecerá un total de 39 funcións coreográficas a cargo de oito compañías profesionais, catro delas galegas.

Esta iniciativa xorde no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición escénico-musical no que están integradas as dez localidades nas que este ano se desenvolve Danza na Rede: Santiago de Compostela (Salón Teatro), Ourense (Teatro Principal), Tui (Auditorio-Teatro Área Panorámica), Vilalba (Auditorio Carmen Estévez Eguigaray), Ribadeo (Auditorio Municipal), Narón (Auditorio Municipal), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro), Carballo (Pazo da Cultura), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal) e Cangas (Auditorio Municipal).

Logo da súa estrea no compostelán Salón Teatro o pasado mes de abril, este programa continuará o seu percorrido da man das compañías galegas Druída Danza, B. Studio, Disque Danza e Ballet Jesús Quiroga, as madrileñas Losdedae, Aracaladanza e Teresa Nieto e a catalá Marta Carrasco, encargada de inaugurar o programa de Narón o pasado 14 de maio.

PROPOSTAS CONTEMPORÁNEAS

O grupo coruñés Druída Danza presenta “20 anos non é nada”, escenificación do esforzo cotiá dunha compañía de danza na que, tras unha aparente monotonía, se agacha a constante loita para sobrevivir. Esta coreografía visitará Vilagarcía de Arousa (16 de xullo), Cangas (8 de outubro), A Coruña (9 de outubro), Vilalba (22 de outubro), Ourense (10 de novembro) e Narón (17 de decembro).

“Quiero tenerte cerquita” é un traballo de Chevy Muraday, director e coreógrafo da compañía Losdedae, que ofrece unha particular visión da danza contemporánea española e achega ao espectador a espazos onde os comportamentos sociais son manipulados na procura dun sentimento de grupo que remata por anular ao individuo. Losdedae actuará en Vilagarcía de Arousa (26 de agosto), Vilalba (28 de agosto) e Cangas (15 de outubro).

A compañía compostelá B. Studio participa en Danza na Rede con “O que viven as rosas...”, traballo inspirado na vida e na obra de Camille Claudet, escultora que escapa do academicismo para liberar as figuras e dotalas de emoción e movemento. Este espectáculo escenificarase en Ribadeo (28 de agosto), Cangas (22 de outubro), Tui (18 de novembro), Ourense (11 de decembro) e Narón (16 de decembro).

Pola súa banda, Disque Danza propón “Disque”, unha obra que consta de dúas pezas independentes, “Síntoma 0” e “Chega da 1”, onde tres bailarinas reflicten a emoción do movemento. A súa proposta poderá verse en Ribadeo (30 de agosto), Tui (27 de outubro), Cangas (29 de outubro), Vilagarcía de Arousa (12 de novembro) e Carballo (9 de decembro).

Canto á compañía Ballet Jesús Quiroga, “Valle Rosa” é o título do seu último espectáculo, dividido en dous actos (“Valle” e “O sole mío”), que visitará A Coruña (16 de setembro) e Vilalba (10 de decembro).

BALLET INFANTIL

“Nada... Nada!”, unha fusión de danza contemporánea e técnicas derivadas da tradición teatral xaponesa, é o espectáculo infantil que presenta a agrupación madrileña Aracaladanza. Esta compañía ofrecerá nove funcións en Galicia: Cangas (1 de outubro), Ribadeo (2 de outubro), Tui (28 de outubro), Vilagarcía de Arousa (29 de outubro), Vilalba (25 de novembro), Narón (26 de novembro), A Coruña (27 de novembro), Ourense (27 de decembro) e Carballo (28 de decembro).

Finalmente, Teresa Nieto en Compañía chega a Galicia con “Consuelo”, unha coreografía na que o fío condutor é a superposición-desdobramento de dúas mulleres que son unha: a que é e a que desexaría ser ou ter sido. Jesús Caramés, Claudia Faci e a propia Teresa Nieto interpretarán esta produción na Coruña (1 de outubro), Tui (7 de outubro) e Ourense (2 de novembro).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia