Skip to main content

Emprego destina 51.000 € a actividades de prevención de riscos laborais na construcción en Lugo e Pontevedra

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais colaborará coas asociacións provinciais de empresarios da construcción de Lugo e Pontevedra na prevención de riscos laborais. Así se recolle nos convenios asinados pola titular do departamento autonómico, Belén Prado, e os presidentes de APEC-Pontevedra, Ángel Fernández Presas e APEC-Lugo, Hipólito Trinidad Losada.

A finalidade dos acordos é promocionar a prevención de riscos e contribuir á formación e información dos empresarios do sector, co fin de que asuman con medios propios a organización preventiva das súas empresas.

A consellería financiará xornadas técnicas organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios da Construcción de Pontevedra (APEC-Pontevedra). A este fin destinaranse 9.015 euros. Por outra banda, a patronal provincial da construcción de Lugo (APEC-Lugo) realizará un plan consistente no desprazamento de expertos a diferentes centros de traballo para dar información a pé de obra. Ademais, entregarán manuais de prevención e materiais de seguridade ás empresas. A achega orzamentaria da Xunta para estas accións ascende a 30.000 euros.

Nesta mesma liña de colaboración, a Consellería de Emprego, achegará 12.000 euros á patronal da construcción luguesa para a xestión mancomunada dos recursos de prevención en riscos laborais das empresas asociadas. As actividades a realizar por por APEC-Lugo consistirán, principalmente, en visitas de técnicos en prevención de riscos laborais ás empresas de construcción da provincia, para prestar asesoramento técnico en materia preventiva.

Nas visitas os prevencionistas incidirán en aspectos como avaliacións de riscos xenéricas da empresa e específicas para cada obra; plans e estudios básicos de seguridade e saúde; comprobación de normas de seguridade por postos de traballo; control e seguimento da accidentalidade, investigación dos accidentes de traballo, e formación e información ós traballadores.

Do mesmo xeito e pola súa grande incidencia nas obras de construcción, os técnicos abordarán a contratación de traballadores das empresas de traballo temporal e das subcontratas. Así mesmo, estes profesionais realizarán visitas periódicas de verificación ás obras de construcción e prestarán atención personalizada e continuada ás empresas asociadas.

NORMATIVA

A normativa vixente sobre seguridade e saúde no traballo, constituída pola Lei de prevención de riscos laborais, oriéntase a garantir a seguridade e a saúde dos traballadores no ámbito laboral. A aplicación eficaz desta normativa require necesariamente o coñecemento das técnicas e accións preventivas axeitadas a cada situación de traballo.

Entre estas medidas, ten especial relevancia o coñecemento dos riscos e das medidas que poden evitalos, obxectivo que só pode acadarse por medio da información e a formación dos traballadores sobre seguridade e saúde. Nesta tarefa, as organizacións empresariais e sindicais deben desenvolver un papel protagonista e determinante, tal e como se desprende da súa autonomía para establecer e modular o marco das relacións laborais. É precisamente por este motivo que a Xunta considera de interese colaborar coas asociacións empresariais, de cara a mellorar os índices de sinistralidade no sector.

MESA DO NAVAL

Celebrarase en Vigo a xuntanza da Mesa de seguimento de riscos laborais do sector naval, que foi convocada pola Xunta de Galicia con carácter urxente para analizar polo miúdo a sinistralidade neste sector, que rexistrou nos últimos tempos varios accidentes con resultado mortal. No decurso desta reunión, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais proporá aos participantes na mesa que se remita ao Ministerio de Traballo un escrito solicitando que cumpra o compromiso de incrementar os medios humanos e materiais da Inspección de Traballo, que depende deste ministerio.

Na Mesa están representados os estaleiros, a Asociación de Industrias Metalúrxicas (ASIME), as federacións do metal dos tres sindicatos máis representativos (UGT, CC.OO. e CIG), a Inspección de Traballo e a Administración autonómica. Desde o Goberno galego considérase fundamental a colaboración entre todas as partes implicadas (empresarios, traballadores, axentes sociais e administracións) para loitar contra a sinistralidade laboral, e a Xunta fará todo o posible para acadar este obxectivo no marco das súas competencias.

Para a consellería a prevención de riscos e a loita contra a sinistralidade é un área prioritaria, e proba delo é que para este ano se incrementaron os fondos propios deste departamento autonómico destinados a accións no ámbito da seguridade e saúde laboral nun 60%. En total, esta área de actuación finánciase desde o departamento autonómico con máis de 1,7 millóns de euros.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia