Skip to main content

Pilar Rojo compromete 15'7 millóns de euros nun gran complexo lúdico e deportivo en Cernadiñas Novas

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado presentou o plan director que permitirá construir un complexo lúdico e deportivo nunha parcela de titularidade autonómica de 125.000 metros cadrados ubicada en Cernadiñas Novas (Pontevedra), unha actuación cun custo total de 15,7 millóns de euros.

A responsable deste departamento da Xunta, Pilar Rojo, e o arquitecto redactor do devandito plan, José Luis Pichel, expuxeron hoxe as características desde proxecto na explanada do campo de tiro de Cernadiñas Novas. Rojo apuntou que a Consellería está en disposición de solicitar licencia nos vindeiros días para a realización da primeira fase desta obra, cun orzamento de execución de 1,2 millóns de euros.

Na zona se prevé potenciar actividades ligadas ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, pero a maior parte da superficie do complexo dedicarase ao ocio e a actividades deportivas para a cidadanía.

Entre outros servizos proxectouse un Pitch and putt de nove buratos, un campo de bolas e un green de adestramento para a práctica do golf, áreas para sendeirismo, footing ou bicicleta, un pequeno embarcadeiro no Lérez para actividades acuáticas, co obxectivo futuro de crear un corredor piragüístico comunicado co centro de Pontevedra, unhas pistas de tenis cubertas, pistas de paddle, atletismo, varias canchas de xogo descubertas, un pabellón para tiro olímpico en interior e cunha zona de xogos polivalente reservada puntualmente para o tiro con arco en exterior, un amplo ximnasio con salas de aeróbic, musculación e spining, un pabellón polideportivo, e unhas piscinas cubertas, para nenos e adultos, con áreas de masaxe e relaxación.

A primeira fase, para a que se solicitará licencia no Concello nos vindeiros días, comprende o movemento xeral de terras e o acondicionamento do campo de bolas para a práctica do golf. A obra está pensada para ser financiada nun total de cinco anualidades.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia