Skip to main content

Educación inviste máis dun millón de euros en mellorar os centros educativos do Barbanza

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten previsto investir un total de 1.090.500 euros en mellorar varios centros educativos da comarca do Barbanza, este mesmo ano. Así o anunciou o conselleiro, Celso Currás Fernández, no transcurso dunha visita que realizou ao CEIP de Aguiño, en Ribeira. Neste centro, en concreto, vaise construír unha cancha deportiva cuberta, para o que se destinarán 260.000 euros.

Tamén no concello de Ribeira vaise construír unha pista de baloncesto no IES nº 1, por 12.000 euros, e xa se reparou a cuberta do IES de Coroso, por 60.000 euros, e do CEIP de Frións, por 26.000 euros.

No concello da Pobra do Caramiñal será onde se invistan máis cartos, un total de 370.000 euros, que se destinarán a cubrir a pista deportiva e o portal de entrada do CEP “Salustiano Rey Eiras” (250.000 euros) e a remodelar os espazos do Instituto de Educación Secundaria (120.000 euros).

En Boiro, a Administración educativa remodelará os espazos do CEIP “Praia Xardín”, por 130.000 euros, e arranxará o peche do CEIP “Santa María do Castro”, por 50.000 €. Pola súa banda, en Padrón, investiranse 155.000 euros en reparar os pilares exteriores e o peche do IES “Camilo José Cela” (50.000 euros); reparar o peche exterior do IES “Macías o Namorado” (60.000 euros); e reparar a cuberta do CEIP “Flavia” (45.000 euros).

Por último, en Rianxo, destinaranse 27.500 euros a reparar a calefacción do IES “Félix Muriel”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia