Skip to main content

A Xunta de Galicia tenta responder ás demandas da poboación galega na atención residencial a maiores

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, inaugurou a Residencia de Maiores A Veiga, emprazada en Puebla de San Julián, en Láncara (Lugo), na que se investiron 4,8 millóns de euros, dos que o Goberno galego, a través do Igape, achegou 483.000 euros. Ao acto tamén asistiron o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro, e a directora xeral do Maior, Elisa Madarro. Durante a súa intervención, o mandatario galego salientou a intención do Goberno galego de concertar ata o 60% das prazas deste centro, “nun esforzo decidido no ámbito da atención residencial para dar resposta ás demandas da poboación galega e por acadar o grao de cobertura adecuado dadas as características sociodemográficas de Galicia”.

O titular do Goberno galego lembrou ademais que hai apenas cinco días se inauguraron outros dous centros de características moi similares ao de Láncara, nos Concellos de A Guarda e Ribadumia, “co que podemos ver como esa rede se vai consolidando día a día”, salientou.

Manuel Fraga amosouse convencido de que esta nova Residencia de Maiores amosará a súa utilidade aos veciños de Láncara e a toda a comarca de Sarria ao tempo que salientou a profesionalidade e dedicación do cadro de persoal do centro inaugurado.

Cunha superficie construída de 6.500 metros cadrados, a Residencia de Maiores A Veiga atópase nunha parcela de 22.700 metros cadrados. Conta con varias zonas diferenciadas por cores. Así, a área verde, con 60 camas, acolle os maiores con grandes dependencias; na área azul, que dispón de 70 camas, ubícanse os maiores con danos cerebrais, Alzheimer e demencia senil; e a área vermella está destinada a maiores que se poden valer por si mesmas e usuarios con minusvalía física, para o que conta con 58 camas. Dispón ademais de salas de ocio e televisión, biblioteca, cafetería, perruquería, capela, comedor xeral, salas de fisioterapia e centro de formación.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DA RESIDENCIA DE MAIORES A VEIGA

- “Hai apenas cinco días inaugurábamos outros dous centros de características moi similares a este nos Concellos de A Guarda e Ribadumia, co que podemos ver como esa rede se vai consolidando día a día”.

- “A Xunta de Galicia ten previsto concertar ata o 60% das prazas, nun esforzo decidido no ámbito da atención residencial para dar resposta ás demandas da poboación galega e por acadar o grao de cobertura adecuado dadas as características sociodemográficas de Galicia”.

- “Contamos cun novo centro que amosará a súa utilidade para os veciños deste concello de Láncara, de toda a comarca de Sarria e para os de toda Galicia a través da profesionalidade e dedicación do seu cadro de persoal e a través da permanente colaboración coa Xunta de Galicia reflectida na cota de prazas reservadas para persoas con menos recursos”.

FICHA TÉCNICA:

- Investimento: 4,8 millóns de euros
Achega da Xunta a través do Igape: 483.000 euros

- Nº prazas: 188 e un centro de día con 50 prazas.

- Características:

O centro atópase nunha parcela de 22.700 metros cadrados en Puebla de San Julián dos que 6.500 son superficie construída. Conta con varias zonas diferenciadas por cores. Así, a área verde acolle aos maiores con grandes dependencias, con 60 camas; na área azul ubícanse os maiores con danos cerebrais, Alzheimer e demencia senil, con 70 camas; e a área vermella está destinada a maiores que se poden valer por si mesmas e usuarios con minusvalía física, con 58 camas.

Dispón ademais de salas de ocio e televisión, biblioteca, cafetería, perruquería, capela, comedor xeral, salas de fisioterapia e centro de formación.




Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia