Skip to main content

A taxa de mortalidade infantil en Galicia é menor que no conxunto do Estado

Segundo datos do Instituto Nacional de Estadística, dende 1993 ata 2003 a taxa de mortalidade infantil foi menor en Galicia que no conxunto do Estado. Ademais, o risco de falecemento durante o primeiro ano de vida reduciuse en Galicia a menos da metade nunha década, pasando de 8,13 por cada 1.000 nados vivos en 1993, a 3,38 no 2003, descenso máis acusado tamén que a nivel nacional. Así o manifestou o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, na clasura do Curso 2004-2005 da Escola de Puericultura de Galicia, centro no que se levan formados, dende a creación deste organismo, preto de 10.000 profesionais. Galicia, con diversos programas de prevención sanitaria para as nenas e nenos galegos, está na vangardas dos sistemas sanitarios en materia de promoción e protección da saúde na infancia.

Os programas de cribado universal en neonatos para a detección de metabolopatías conxénitas e de hipoacusia, a continua actualización vacinal infantil, con recentes incorporacións sempre baseadas na evidencia científica, e o desenvolvemento e potenciación do Programa do Neno San, (protocolización das actuacións de educación sanitaria, dirixidas aos nenos e ás familias, e as actuacións preventivas e de detección precoz dos problemas de saúde máis habituais), son, segundo o conselleiro, algúns dos expoñentes da estratexia desenvolvida pola Consellería de Sanidade neste campo.

ACTIVIDADE DOS PROGRAMAS

Un dos programas de Sanidade referidos á infancia, o de detección da Xordeira, co que se detectan de xeito precoz, posibles problemas de audición, xa funciona nos hospitais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago, Ferrol e Monforte, e seguirase estendendo progresivamente ao resto dos centros. Os nenos examinados no 2004, dentro do programa, foron preto de 13.000.

Outra iniciativa de Sanidade enmarcada dentro desta política de prevención e promoción da saúde na infancia é o Programa de Detección de Enfermidades Endocrinas e Metabólicas, que, dende o seu inicio, leva examinados máis de 470.000 rapaces.

REORIENTACIÓN DE OBXECTIVOS

Segundo referiu hoxe o conselleiro na clausura deste curso, nos últimos anos se observa un importante cambio cualitativo nas causas de morbimortalidade. Mentres que as enfermidades infecciosas ocupan postos de menor relevancia grazas ás vacinas, ao desenvolvemento da terapéutica anti-infecciosa e á mellora nas condicións de vida; as afeccións conxénitas, a patoloxía perinatal, os accidentes infantís, as enfermidades crónicas e as discapacidades ou minusvalías, cobran unha maior importancia.

Especial interese merecen tamén, proseguiu González Álvarez, os problemas de carácter sociosanitario, que requiren unha abordaxe integral e a coordinación con outros recursos asistenciais e sociais. Deste xeito, a atención á infancia sitúase nun novo escenario que condiciona unha reorientación de obxectivos, onde a promoción e protección da saúde e os coidados preventivos do neno adquiren unha importancia transcendental, Non chega con ter éxito en tratar a enfermidade, o propósito é evitar a súa aparición e, en todo caso, atenuar as súas consecuencias ao ser detectada nos seus inicios.


Gabinete de Comunicación del Sergas (Xunta de Galicia)