Skip to main content

A Xunta concede axudas a traballadores do sector téxtil afectados por expedientes de suspensión de contratos

O Consello da Xunta aprobará esta semana a orde pola que se desenvolve o acordo subscrito o 24 de maio polos conselleiros de Economía, Industria e Emprego para a aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia do Pacto de Albaida para a concesión de axudas ao sector téxtil en materia de formación. Esta orde terá para o que queda de exercicio unha dotación orzamentaria inicial de 70.000 euros, ampliable en función das necesidades e solicitudes. Estas axudas poderán prorrogarse en anos posteriores tal e como se recolle expresamente no texto da orde. O Goberno galego aprobou nos orzamentos de 2005 unha partida de 6,5 millóns de euros para favorecer de xeito específico a competitividade e evitar riscos de deslocalización.

En virtude desta orde, concederanse axudas aos traballadores afectados polos expedientes de suspensión de contratos das empresas do téxtil e a confección de Galicia, para que cada traballador reciba unha compensación económica que complete as prestacións por desemprego ata o máximo do 100% dos seus salarios en períodos de paro. O obxectivo da orde é mellorar a formación e cualificación destes traballadores durante o período de suspensión de contratos, co fin de adaptar as súas cualificacións aos novos escenarios productivos. A participación dos traballadores no plan de formación sectorial conlevará a dita compensación económica.

Para beneficiarse destas axudas, os traballadores deberán pertencer a empresas do téxtil-confección con centros de traballo ubicados na Comunidade Autónoma de Galicia, estar afectados por expedientes de suspensión de contratos autorizados pola autoridade laboral competente, sempre que as empresas ás que pertencen teñan un cadro de persoal fixo mínima do 80%.

Os expedientes de regulación suporán a suspensión de contrato de traballo por un máximo de 3 meses ao ano, sen que un mesmo traballador poida estar afectado máis de 2 veces durante o período de vixencia deste acordo. Será condición necesaria que nestes expedientes as empresas presenten o plan de formación que seguirán os traballadores durante o período de suspensión. Así mesmo, as empresas solicitantes deberán ter un cadro de persoal de traballadores fixos igual ou superior ao 80%.

OUTRAS AXUDAS Á FORMACIÓN

Esta orde se completa coa publicada o pasado 19 de abril, pola que se destinarán máis de 2 millóns de euros a financiar accións formativas de traballadores ocupados, e que reforzará as axudas á formación dirixidas a talleres cunha estabilidade laboral inferior ao 80% do seu cadro de persoal.

Estas medidas forman parte do plan estratéxico do sector téxtil, que conta tamén con outro tipo de incentivos, como as axudas á adquisición de maquinaria industrial e financiamentos do Igape.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia