Skip to main content

O CEIP Nosa Señora do Carme, de Calvos de Randín, gaña o certame ambiental Primavera Viva!

O CEIP Nosa Señora do Carme, do concello ourensán de Calvos de Randín, foi o gañador da fase autonómica do certame ambiental Primavera Viva!, promovido pola Consellería de Medio ambiente. Os rapaces e rapazas gañadores recibiron hoxe en Santiago o premio de mans do director xeral de Conservación da Natureza, Javier Ruíz de Almirón, nun acto no que tamén participaron os delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente e o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández.

O traballo premiado é unha maqueta do releve do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés (espazo protexido de influencia deste colexio) realizada con material reciclado. Esta obra valeralle aos gañadores un galardón consistente nunha viaxe dunha semana de duración ao parque nacional do Picos de Europa.

PREMIO ESPECIAL E ACCESIT

A calidade dos traballos presentados e o esforzo realizado por todos os colexios participantes fixo que o xurado do certame acordase outorgar un premio especial ao CEIP Nº2 de Tui por un libro no que se recolle información sobre a flora e a fauna do parque natural do Monte Aloia. Neste caso a Consellería de Medio Ambiente farase cargo da edición deste traballo para a súa posterior difusión. Ademais, o xurado concedeu un accesit ao IES de Vilalonga, en Sanxenxo, por un traballo que baixo o título Operación Bilúrico consistiu na elaboración dun libro con debuxos e fotos sobre a fauna do espazo protexido do complexo Ons-O Grove. Ademais, o grupo de estudantes creou unha canción baseada nas características dos paxaros do lugar.

EDUCAR NO MEDIO NATURAL

Primavera Viva é unha iniciativa de educación ambiental dirixida á poboación local escolar de diferentes espazos naturais protexidos de Galicia. En concreto, trátase dos seis parques naturais (Fragas do Eume, Corrubedo, Xurés, Serra da Enciña da Lastra, Invernadeiro e Monte Aloia) e dos espazos naturais de Ancares-Courel e Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira. Nesta primeira edición do certame participaron un total de 62 centros educativos de 33 municipios situados en zonas de influencia de espazos naturais protexidos. A iniciativa promovida polo departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro chegou nesta ocasión a máis de 3.500 escolares.

Coa entrega de premios péchase a primeira convocatoria deste programa ambiental, que ten como obxectivo avanzar na formación e sensibilización dos escolares sobre as zonas protexidas nas que viven. A primeira fase deste certame consistiu en xogos, obradoiros, relatorios, visitas guiadas e plantacións de árbores, que culminaron coa realización de traballos prácticos sobre temas concretos do espazo natural que lles corresponde. Un xurado composto por persoal da Consellería de Medio Ambiente e dos respectivos centros escolares elixiron, en función dos traballos presentados, tres gañadores por cada espazo natural. Logo destes premios procedeuse á elección do gañador absoluto na comunidade.

A entrega de premios súmase aos actos promovidos pola Consellería de Medio Ambiente con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. No marco desta conmemoración Medio Ambiente aposta pola promoción de hábitos que permitan acadar “cidades sostibles”, desenvolvidas e respectuosas co medio natural. Neste sentido, a educación e divulgación ambiental son un facto clave para acadar un progreso sostible e respectuoso cos recursos naturais.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia