Skip to main content

O mes de maio caracterizouse en Galicia pola variabilidade meteorolóxica

A situación meteorolóxica caracterizouse en Galicia o pasado mes de maio pola variabilidade, segundo os datos de MeteoGalicia -servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente-. Ao longo do mes experimentáronse dous períodos diferenciados: un con predominio de chuvias, durante a primeira quincena, e outro con protagonismo do tempo seco, na segunda metade.

Nos primeiros días foron maioría as xornadas chuviosas e con baixas temperaturas, xa que as altas presións só fixeron acto de aparición entre o día 3 e o 8. Así, as baixas presións atlánticas deixaron chuvias entre os días 1 e 3, especialmente na xornada do 2. Ademais, a partir do día 9 un profundo centro de baixas presións formado fronte a costa de Lisboa provocou unha baixada de temperaturas e precipitacións cuantiosas, especialmente nas xornadas do 15 e o 16.

Durante a segunda quincena do mes as condicións meteorolóxicas cambiaron cara o predominio das altas presións, que provocaron un aumento das temperaturas, particularmente os días 24, 25 e 26 e nos dous derradeiros días do mes. A situación anticiclónica desta segunda metade de maio só se viu interrompida polo achegamento de frontes pouco activas nas xornadas do 20, 21 e 27. Nestes días rexistráronse chuvias febles e unha caída dos valores termométricos.

PRECIPITACIÓNS E TEMPERATURAS

As precipitacións mensuais rexistradas caracterizáronse, ademais de pola súa concentración durante a primeira quincena, por acadar valores próximos á media prevista para este mes pero con tendencia a superala, como aconteceu tamén en marzo.

As temperaturas, pola súa banda, foron en xeral normais ou superiores á media, tanto no tocante ás mínimas como nas máximas. Esta normalidade nos valores viu dada pola gran variabilidade deste mes.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia