Skip to main content

Palmou desexa que o problema do pobo saharaui se resolva por cauces de paz, diálogo e respeto á legalidade internacional

O conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, recibiu no seu despacho de San Caetano, a unha delegación dos campamentos de refuxiados saharauis composta polo ministro de Xustiza saharaui, Hamada Salma, polo membro da presidencia do goberno saharaui, Brahim Jalil, e polo presidente da Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Bernardo Porto.

Tras a xuntanza, Xesús Palmou expresou a súa “solidariedade e apoio así como o seu desexo de que o problema do pobo saharaui se resolva por cauces de paz, diálogo e respecto á legalidade internacional e, máis concretamente, ás decisións de Nacións Unidas”. O conselleiro de Xustiza tamén destacou, tras o encontro, o interese da delegación saharaui en colaborar coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, en temas relacionados coa Administración de Xustiza que, nestes momentos, está poñendo en marcha o pobo saharaui.

Xesús Palmou tamén anunciou, tras a xuntanza, que fora invitado polo ministro a visitar os campamentos de refuxiados saharauis e que aceptou, a título individual, esta invitación.

Pola súa banda, o ministro de Xustiza saharaui agradeceu a Palmou o seu recibimento e destacou o “apoio institucional que ten prestado sempre a Xunta de Galicia á causa saharaui e á comunidade saharaui nos campamentos”.

CAMPAMENTOS

Os campamentos de refuxiados saharauis acollen a preto de 200.000 refuxiados que viven e se organizan en tendas de campaña proporcionadas polo Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), nun territorio cedido por Arxelia, cercano á fronteira co seu país. Ademais das axudas proporcionadas por ACNUR, os refuxiados tamén reciben a colaboración da Unión Europea, do goberno Arxelino e das ONGs e asociacións solidarias co Sáhara.

Entre estas asociacións atopamos a Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, creada no ano 2002, co obxectivo de cooperar para o desenvolvemento do pobo saharaui a través de proxectos e accións que os conduzan a súa independencia política, económica, social e cultural. Esta asociación ten posto en marcha distintos proxectos que favorecen o seu desenvolvemento integral, como o fomento de actividades de información, concienciación e sensibilización, así como diversas actuacións con especial incidencia na promoción da saúde, no desenvolvemento de servizos sociais e na promoción da educación.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia