Skip to main content

Manuel Fraga preside por decimoterceira vez o xurado dos Premios Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais

O titular do Goberno Galego, Manuel Fraga, preside en Oviedo, por decimoterceira vez, a reunión do xurado dos Premios Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais. Segundo manifestou á súa chegada ao Hotel de la Reconquista, onde se están a celebrar as xuntanzas do xurado, asiste “unha vez máis ao xurado dos premios, dos que formo parte dende hai moitos anos”.

O presidente da Xunta asegurou que se trata dunha das institucións “que cada día ten máis prestixio” no ámbito das Fundacións e dos premios internacionais. Neste sentido, engadiu que tanto os galardóns como os Príncipes de Asturias Dona Letizia e Don Felipe, “merecen toda a nosa adhesión e o noso apoio por esta razón”.

Manuel Fraga indicou que fixera un alto na campaña electoral para asistir a esta cita. “Aínda que este ano teño algunhas cousiñas que facer, máis do normal en Galicia, estou aquí”, manifestou ante a prensa congregada para informar da súa participación no xurado destes premios.

MEMBRO DE XURADOS DESDE 1985

O máximo mandatario galego participa nos xurados dos Premios Príncipe de Asturias dende o ano 1985, no que presidiu o grupo encargado de conceder o galardón de Cooperación Internacional. Posteriormente, participou en 1987 no de Comunicación e Humanidades, e desde, o ano 1989 é membro dos dedicados ás Ciencias Sociais. Das 19 veces que concorreu como membro dos distintos xurados, Manuel Fraga foi 14 veces presidente.

Nesta edición, tamén forman parte da mesa que elixirá o premiado en Ciencias Sociais a directora de Radio Televisión Española, Carmen Cafarell; a ex ministra de Educación, Pilar del Castillo; os ex ministros de Educación Aurelio Menéndez e José Manuel Otero Novas. Entre outras personalidades, figuran tamén entre os membros encargados das deliberacións os rectores das Universidades Autónoma de Madrid, Angel Gabilondo, e de Oviedo, Juan Vázquez; o director da Real Academia da Historia, Gonzalo Anes; o secretario xeral da Conferencia Episcopal Española, Juan Antonio Martínez Camino; o presidente do Círculo da Arte, Hans Meinke; así como os presidentes de Caja Asturias, Manuel Menéndez, e do Banco Sabadell, José Oliú.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia