Skip to main content

Galicia dispón xa da estratexia para abordar o reto da sostibilidade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentou en Santiago a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible, promovida polo seu departamento para situar Galicia no camiño da sostibilidade. Segundo sinalou Barreiro, o documento pretende “plasmar na realidade social galega o concepto de desenvolvemento sostible para poñer Galicia en disposición de abordar o reto que representa a sostibilidade”.

Trátase dun “instrumento multidisciplinar, integrador e transversal que representa unha aposta a longo prazo para garantir a compatibilización do progreso socioeconómico co respecto ao contorno”. Ademais, esta iniciativa, na que colaboraron todos os departamentos da Xunta, nace como documento aberto e participado co obxectivo de que o conxunto da cidadanía realice achegas a prol da calidade ambiental e o benestar social.

O documento define o camiño cara ao desenvolvemento sostible e establece cinco eixes principais sobre os que se debe actuar. Así, a Galicia do futuro deberá ser economicamente competitiva; demograficamente equilibrada; socialmente cohesionada; cunha elevada calidade ambiental e cunha ordenación intelixente do territorio e do patrimonio. A Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible aborda cada un destes aspectos partindo dunha análise da situación actual e unha proposta de indicadores de seguimento e de medidas a prol da sostibilidade cun horizonte de 25 anos.

ECONOMÍA E SOCIEDADE

No eido da competitividade económica, as accións propostas céntranse nos principais sectores produtivos da economía galega (agricultura, forestal, pesca, minería, acuicultura, industria, construción, enerxía e turismo), na educación e nas novas tecnoloxías. Neste sentido, recoméndase o fomento do uso das TIC no ensino e nas empresas; a explotación sostible dos recursos; a certificación; a I+D nas empresas; o control de calidade; a formación dos traballadores; utilizar materiais respectuosos co contorno; a eficiencia enerxética e a elaboración de manuais de boas prácticas, entre outras medidas.

Canto ao equilibrio demográfico, a Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible céntrase especialmente na mellora das condicións laborais da xuventude e da muller; na compatibilización da vida familiar e laboral; e na creación de servizos sociais. No eido social, algunhas das propostas son o fomento do emprego de calidade; reforzar as prestacións sociais e o acceso a servizos básicos de integración social; facilitarlles aos adultos o acceso á educación; fomentar a posta no mercado de vivendas desocupadas; e promover o consumo sostible e o ecolóxico, entre outras.

MEDIO NATURAL

No que se refire ao eido ambiental, o documento aborda a mellora da calidade ambiental; a conservación da biodiversidade; a xestión dos residuos; o ruído; a atmosfera e o solo. Neste sentido, insiste na formación, a investigación e propón diversas medidas dirixidas á redución de todo tipo de contaminación e a prol de boas prácticas ambientais.

A Estratexia Galega de Desenvolvemento Sostible recolle tamén a necesidade de xestionar de maneira axeitada o patrimonio cultural, con especial atención ao idioma galego. Así, recoméndase a promoción desta lingua en todos os ámbitos e adaptación dos materiais didácticos e de publicacións ao galego. A participación cidadá é a última das apostas do documento, con medidas como a integración da educación ambiental nas asociacións, nos proxectos educativos e curriculares dos centros, e en todas as actividades universitarias.

OBSERVATORIO DE SOSTIBILIDADE

Como instrumento para o seguimento, a Estratexia inclúe a creación do Observatorio Galego de Sostibilidade. A través deste órgano mediranse os avances e retrocesos en materia do sostibilidade; determinaranse as tendencias e actualizaranse as medidas precisas para garantir o desenvolvemento sostible de Galicia. Segundo recolle o documento, o Observatorio ten como principal finalidade o seguimento dos indicadores de sostibilidade; da elaboración de informes periódicos e da divulgación das accións realizadas e dos resultados obtidos.

Segundo sinalou o vicepresidente segundo, a creación do Observatorio enmárcase na relevancia que Medio Ambiente lle outorga á trasnparencia e á participación pública no deseño de todas as súas iniciativas. Neste sentido, Barreiro destacou a necesidade de “converter o desenvolvemento sostible nunha vía de revitalización democrática para potenciar a implicación da cidadanía nas decisións que afectan as súas vidas e a xeración dun debate real sobre as prioridades da sociedade”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia