Skip to main content

Case a metade dos mozos galegos recoñecen que os seus hábitos de vida non son os axeitados

O 43,48% dos mozos galegos recoñece que os seus hábitos de vida non son os axeitados e a maioría sinala como principais problemas ao respecto o sedentarismo, o tabaco e unha mala alimentación, segundo se recolle no Estudo de Necesidades de Información en Materia de Saúde da Población Xuvenil Galega.

O estudo foi realizado no marco dun convenio entre as consellerías de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e Sanidade, e a Universidade de Santiago de Compostela sobre unha mostra de cerca de 700 mozos de entre 18 e 30 anos residentes en Galicia.

No marco deste convenio tamén púxose en marcha en Santiago a Oficina de Información para a Saúde para a Mocidade, situada no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil na Praza do Matadoiro, e onde, segundo sinalou a conselleira de Familia, Pilar Rojo, na presentación do estudo, poranse en marcha liñas de actuación concretas a partir das conclusión do informe. “É evidente que a saúde é un dos eixos fundamentais na formación integral dos máis novos. Conscientes delo, desde a Xunta de Galicia estamos a desenvolver actuacións dirixidas a favorecer a práctica de conductas saudables e sen riscos, e a concienciar á xuventude da importancia do respecto á saúde como garantía da súa calidade de vida e benestar”, engadiu.

No informe, a saúde aparece como a cuarta preocupación social dos mozos, por detrás do desemprego, a educación e a violencia de xénero, e un 81,7% dos entrevistados considera que a súa saúde e boa ou moi boa.

Respecto ao tabaco en concreto, o 31,92% dos mozos galegos de entre 18 e 30 anos fuma a diario cun consumo medio de 14 cigarrillos, o que supón máis de 150.000 fumadores neste rango de idade. Ademais, un 7,61% fuma esporádicamente e un 3,51% os fins de semana, momento no que o consumo medio é de 11 pitillos. Coas distintas frecuencias, o total de fumadores ascende ao 43%.

Ademáis, máis da metade dos fumadores (56,2%) tentaron deixar de fumar nalgunha ocasión, pero case todos (94,81%) fixéronno sen axuda médica, psicolóxica ou dalgún programa. Este resultado sinala a utilidade que tería a Oficina de Información para achegar á mocidade os programas existentes.

Respecto ao consumo de alcol, destacar que máis da metade dos mozos galegos (54%) non bebe alcol habitualmente, aínda que preto do 14% toma 5 ou máis consumicións nun día normal.

Tamén un 22% afirma tomar 6 ou máis bebidas alcohólicas cunha frecuencia semanal, o que se traduce en 130.000 mozos de entre 18 e 30 anos que consumen alcol o fin de semana dun xeito excesivo.

Respecto ao consumo vencellado á condución, o 23% dos entrevistados afirma ter conducido baixo os efectos do alcol polo menos unha vez no último ano. Para o 10% esa é unha práctica relativamente frecuente, posto que o fixeron catro ou máis veces no transcurso do último ano. Tamén un 26% subiu catro ou máis veces no último ano a un coche conducido por alguén que bebera alcol.

No apartado relativo ao consumo de drogas recóllese que o 55,3% da poboación xuvenil probou nalgunha ocasión o cannabis ou a marihuana, o 13,4% a cocaína e o 10,2 a éxtase e as drogas de deseño. Respecto ao consumo habitual, un 16,4% sinalan o cannabis, un 3,22% a cocaína e un 1,32% o éxtase, pastillas e drogas de síntese en xeral.

PIERCINGS E TATUAXES

Noutro apartado do estudo recóllese que un de cada 4 mozos galegos (27,7%) fixéronse nalgunha ocasión un piercing ou un tatuaxe, o que corresponde a arredor de 130.000 xoves, e do 72,77% restante, a un 36% gustaríalle facerse un. Un dato relevante ao respecto é que menos da metade dos que afirman ter feito un (43,5%) acudiron para elo a un centro homologado, a pesar de que a inmensa maioría afirma coñecer os riscos asociados a estas prácticas, como infeccións ou alerxias.

Os piercings e tatuaxes aparecen tamén sinalados por un 47,6% no apartado de cuestións sobre as que os mozos síntense pouco o nada informados, e no que tamén se sinalan a ansiedade e depresión (43,4%), a obesidade (33,1%) e a anorexia e a bulimia (27,15%).

Pola contra, as cuestións sobre as que afirman ter un nivel alto de información son os métodos anticonceptivos (sinalados por un 65,3%), o tabaco (62,1%), os accidentes de tráfico (55,7%) e as drogas (49,8%), seguidos en menor porcentaxe polas enfermedades de transmisión sexual e o alcol.

OBXECTIVO

O estudo presentado ten como obxectivo fundamental identificar os déficits de información da xuventude en relación coa saúde, así como as súas percepcións e hábitos nesta materia, para logo traducilo na posta en marcha de estratexias e liñas de actuación concretas e levar a cabo unha labor preventiva o máis efectiva posible.

Nesta liña tamén é interesante coñecer as fontes ás que os mozos acuden cando necesitan información sobre algunha destas cuestións. As respostas ao respecto recollidas entre os entrevistados indican que o 47,9% recurre aos centros de saúde, o 29,9% aos amigos, o 29,6% aos pais e un 26,1% a Internet.

Por último, no estudo preguntouse tamén sobre que cuestións das anteriores cren que sería bo dispoñer de máis información, e entre as respostas destacaron a ansiedade e depresión (42,6%), as enfermedades de transmisión sexual (39%) e os problemas coas drogas (37,7%), seguidos en menor porcentaxe da anorexia e a bulimia, os problemas co alcol e os relacionados cos tatuaxes e os piercings.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia