Skip to main content

10.000 persoas melloran ou salvan a súa vida dende que se iniciaron os transplantes en Galicia hai 25 anos

Case 10.000 persoas melloraron ou salvaron a súa vida dende que se iniciaron os transplantes en Galicia no ano 1981. Así, cando se cumpren 25 anos, téñense realizado xa 2.329 transplantes de ril, 1.001 de fígado, 484 de corazón, 131 de pulmón, e 46 de páncreas. A estes hai que sumar os máis de 6.000 transplantes de tecidos e células (córnea, óso, tendón, médula ósea, válvulas cardíacas, vasos sanguíneo, membrana amniótica, sangue umbilical, médula ósea e cultivos celulares)

A Consellería de Sanidade súmase á celebración do Día Nacional do Doador de Órganos, cita anual de reflexión sobre a doazón e o transplante, que ten como obxectivo homenaxear aos doantes e ás súas familias; e, en mostra de recoñecemento, mobilizar a conciencia dos cidadáns coa fin de favorecer a doazón, motor do transplante. Así o destacou en rolda de prensa o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Alfredo García Iglesias, acompañado da directora da Oficina de Coordinación de Transplantes, Carmen Vázquez Gómez, que recordaron que Galicia presenta das taxas de transplante de órganos máis elevadas do mundo dende hai anos, actividade que non sería posible sen a solidariedade da poboación.

XA CASE 4.000 TRANSPLANTES

A Consellería de Sanidade está a traballar de xeito moi intenso na potenciación e desenvolvemento dos diferentes programas de transplante; e, ata actualidade, realizáronse 2.329 transplantes renais (dende o inicio do programa en 1981); xa se cumpriu o número 1.000 de fígado (dende 1994); 484 de corazón (dende 1991); 131 de pulmón; e 46 de páncreas (ámbolos dous con inicio en 1999), con excelentes resultados en todos os programas. En relación ao acceso ao transplante de órganos vitais (fígado, corazón e pulmón), Galicia ocupa o primeiro posto mundial no número de transplantes por millón de poboación.

MÁIS DE 10.000 TRANSPLANTES EN 25 ANOS EN GALICIA
ÓRGANOS TRANPLANTES TECIDOS TRANSPLANTES
Ril 2.329 Óso e Tendón 2.500
Fígado 1.001 Córnea 2.000
Corazón 484 Médula ósea 1.200
Pulmón 131 Tecido Vascular 300
Páncreas 46 Membrana Amniótica 150
Cultivos Celulares 80
TOTAL 3.991 6.230

Cada doador permite o transplante de entre dúas e catro persoas (e incluso cinco). Nos cinco primeiros meses do presente ano 2005, un total de 102 persoas recibiron o órgano que precisaban grazas á solidariedade de 34 familias que cederon os órganos tralo falecemento. Isto fixo posible que se transplantaran 46 enfermos de ril, 32 de fígado, 12 de corazón, 9 de pulmón e 3 de páncreas.

Os resultados teñen mellorado día a día a medida que se incorporan os adiantos cirúrxicos e de inmunodepresión, sendo equivalentes na actualidade aos dos países máis avanzados dende o punto de vista tecnolóxico. Ademais, cada vez son máis os candidatos a un órgano, posto que en Galicia a inclusión nos programas de transplantes de enfermos de maior risco -persoas maiores ou diabéticos- é cada vez máis ampla.

Doar é a solución para estas persoas, posto que para un paciente que o precisa o transplante é o mais importante. Aos dez anos de terse realizado un transplante de corazón, ril, ou fígado, o órgano de sete de cada dez transplantados funciona correctamente. Estas son persoas completamente autónomas, que realizan a actividade usual propia de calquera outro cidadán san da mesma idade. A supervivencia a longo prazo para o transplante renal é de 35 anos, 19 anos para o de fígado, 20 anos para o de corazón, 17 anos para o de páncreas, e 13 anos para o de pulmón. Isto debe ser un motivo máis para manifestar a intención de doar, e que isto sexa posible nun número cada vez máis numerosos de persoas.

Lembrar, por último, unha vez máis, que a Consellería de Sanidade ten sempre presente que o alto nivel de doazón e transplante acadado en Galicia é debido a tres factores. O primeiro, a solidariedade da poboación; o segundo, o excelente nivel dos profesionais sanitarios e, o terceiro, o apoio dos medios de comunicación.


Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)