Skip to main content

Asuntos Sociais achega 150.000€ á CEG para informar ás empresas galegas sobre as relacións coa Unión Europea

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais achegará 150.253 euros á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para a realización de actividades orientadas a informar ás empresas sobre as oportunidades que presenta Europa e preparalas para asuntos clave como o comercio electrónico ou a ampliación da Unión Europea. Así se recolle nun convenio asinado pola titular do departamento autonómico, Belén Prado, e o presidente da CEG, Antonio Fontenla.

Estas actuacións desenvolveranse a través do Euro Info Centro ES-221 Galicia (EIC), un centro de información integrado na CEG, que ten como finalidade actuar de intermediario entre as institucións europeas e as empresas, cumprindo os obxectivos do Programa plurianual da Comisión Europea a favor das pequenas e medianas empresas.

O EIC foi creado no ano 1989 e está integrado nuha rede de Euro Info Centros da Comisión Europea, que actúa baixo os auspicios da Dirección Xeral responsable do fomento do espírito empresarial e das PEME e da Dirección Xeral da Empresa, que os coordina e xestiona.

ACTIVIDADES

Entre as actividades que levará a cabo o EIC estará a de proporcionar información ás empresas sobre as cuestións comunitarias de carácter laboral e de seguridade social. O Euro Info Centro da CEG recibe consultas relacionadas co desprazamento de traballadores a outros estados da Unión e as súas consecuencias, consultas sobre negociación colectiva, custos salariais e marco normativo aplicable en calquera dos países membros.

Tamén entrará nos seus cometidos informar á Comisión Europea sobre as cuestións comunitarias que afectan ás pequenas e medianas empresas. Ademais, o EIC proporcionará asesoramento a traballadores e empresarios para o desenvolvemento de plans formativos que melloren a productividade e a calidade do emprego. E promoverá accións de sensibilización sobre oportunidades de negocio, novos mercados e aplicación de normativas que afecten ao desenvolvemento da actividade empresarial.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia