Skip to main content

Manuel Fraga e o ex ministro de Asuntos Exteriores israelí analizan a situación de Oriente Medio

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e o ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel, Shlomo Ben Ami, analizaron a situación actual de Oriente Medio, durante un encontro mantido no despacho do titular do Goberno galego, en San Caetano. No encontro tamén participaron o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xesús Pérez Varela, e a xerente de Promoción do Camiño de Santiago, María Xosé Dopico.

O ex ministro israelí manifestou, ao remate da xuntanza, que atopou ao máximo mandatario galego con “criterios moi acertados ante o problema do Medio Oriente e moi claro nos seus argumentos”. Segundo sinalou Shlomo Ben Ami, a visión de Manuel Fraga “é que o futuro do Medio Oriente depende moito dunha paz israelí-árabe” e, engadiu, “eu penso que el ten razón, que a cuestión central é a israelí-árabe” e non, como pensan outros, “que hai que estabilizar antes o mundo árabe e logo facer a paz entre israelís e palestinos”.

CONFERENCIA

Shlomo Ben Ami tamén lle adiantou aos medios de comunicación os temas sobre os que versará a conferencia que impartiu en Santiago. A este respecto sinalou que se trata dun repaso á situación global creada a raíz da Guerra de Iraq, analizando as relacións internacionais despois deste conflicto e as perspectivas que se abriron no Oriente Medio para unha posible paz entre israelís e árabes e a importancia que este asunto ten para a estabilidade xeral.

Nesta liña, o ex ministro de Asuntos Exteriores de Israel indicou que, na súa opinión, o primeiro paso que hai que dar para lograr a paz en Oriente Medio é comezar negociacións e non tomar decisións unilaterais, como a retirada de Gaza, que a pesar de que o considera como un “paso importante”, cre que non é suficiente. Shlomo Ben Ami avogou por pasar da cultura do uniteralismo, a “coordinar coa outra parte, porque sen iso non pode haber paz”, sentenciou. Así mesmo incidiu na necesidade de concienciar aos dirixentes -tanto israelís como palestinos- “de que é o momento de sentarse a negociar e non crear feitos consumados por unha ou por outra parte”.
TRAXECTORIA PROFESIONAL

Nacido en Marrocos en 1955 e trasladado neste mesmo ano a Israel, o historiador e político Shlomo Ben Ami estudou na Universidade de Tel Aviv e na Universidade de Oxford (Inglaterra).

Ao longo da súa carreira política, Shlomo Ben Ami exerceu distintas funcións no Parlamento israelí. Foi xefe do Comité Secundario sobre Servizo Estranxeiro e membro dos Comités de Asuntos Estranxeiros; de Defensa; da Educación; de Cultura; da Constitución e do Comité de Lei e de Xustiza.

Shlomo Ben Ami tamén foi ministro da Seguridade Interna e, entre o ano 2000 e o ano 2001, ministro de Asuntos Estranxeiros de Israel.

É o autor de numerosas obras, entre as que destacan Los orígenes de la segunda República en España (Oxford, 1978); Fascismo de antedicho (Oxford, 1978); España entre la dictadura y la democracia (Am Oved, 1980); Anatomía de una transición (Madrid, 1990); ou Italia entre el liberalismo y el fascismo (Tel Aviv, 1986.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia