Skip to main content

Manuel Fraga lamenta a terrible perda de María José Cimadevila

O presidente da Xunta quere manifestar a súa profunda dor pola “terrible perda” de María José Cimadevila, falecida en Santiago. Manuel Fraga estaba continuamente interesado e preocupado pola evolución da enfermidade de María José Cimadevila, que foi titular de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia entre xaneiro de 2003 e setembro de 2004. Precisamente, en recoñecemento á súa labor na Administración Pública, o Consello da Xunta concedeulle, a semana pasada, a Medalla Castelao 2005.

Así mesmo, o titular do Executivo autonómico quere tamén transmitir o seu pésame á familia da falecida.

Nacida na Estrada (Pontevedra) en 1959, é licenciada en Dereito, diplomada en Relacións Laborais e doutoranda en Dereito. Conta con diversos cursos de formación en materias relacionadas co Dereito, a práctica xurídica, as Relacións Laborais e a política rexional comunitaria.

Desde 1993 foi funcionaria do Corpo Superior de Administración e do Corpo de Xestión da Administración da Xunta de Galicia, na que ingresou no ano 1988, na Consellería de Traballo e Servizos Sociais. Entre 1993 e 1994 foi xefa do Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria; do 94 ao 97, subdirectora xeral de Traballo, e desde 1997 a 1999, directora xeral de Relacións Laborais.

Exerceu as funcións de secretaria xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais entre 1999 e xaneiro 2003, cando foi nomeada conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cargo que desempeñou ata setembro de 2004.

Formou parte da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social; da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo; e do Consello Galego de Seguridade e Hixiene; así como da Comisión Mixta de Xustiza para a Comunidade galega; e do Consello do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e a Muller, entre outras.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia