Skip to main content

Empreo achega 104.000€ para acondicionar os centros sociais de Boimorto, A Pontenova e Vimianzo

Os Concellos de Riotorto, A Pontenova e Vimianzo recibirán un total de 104.000 euros da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para reformar e acondicionar os seus centros de servizos sociais. Así se recolle nos convenios asinados entre a responsable do departamento autonómico e os alcaldes destes municipios.

En Riotorto (Lugo), a consellería financiará con 35.000 euros o equipamento do centro de usos múltiples e dúas vivendas comunitarias. Para esta actuación o concello achegará 34.325 euros.

Tamén na provincia de Lugo, Asuntos Sociais colaborará co municipio da Pontenova para acondicionar o centro social de Recende. O custo total da obra é de 47.633 euros dos que 36.000 serán achegados pola consellería e o resto polo concello.

En Vimianzo (A Coruña) levarase a cabo a reforma do centro de día comunitario e o seu equipamento. O importe destas actuacións elévase a 101.580 euros dos que 33.000 serán subvencionados pola Consellería de Emprego.

PLAN CONCERTADO

O financiamento autonómico dos centros realízase a través do Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servizos Sociais, que artella a cooperación económica e técnica entre a Xunta e os municipios nesta materia. Deste xeito, garántese unha rede pública de apoio social á que poden acceder dun xeito fácil e efectivo a través das corporacións locais todas as persoas, familias e colectivos, especialmente aqueles que se atopan en situacións de necesidade.

Os principais obxectivos do plan son garantir uns servizos sociais básicos a toda a poboación, construír unha rede pública de equipamentos sociais e cooperar cos distintos municipios para que poidan afrontar as súas competencias na xestión dos servizos sociais. No presente exercicio, o Plan Concertado conta cun orzamento total de 18.698.324€. A achega da Xunta incrementouse nun 42% nesta lexislatura, beneficiando a máis de 400.000 usuarios.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia