Skip to main content

Os diferentes axentes que interveñen nos casos de menores de reforma terán acceso ó seu historial en tempo real

Responsables de centros de menores de reforma, xuíces, fiscais, equipos técnicos e delegacións provinciais da Consellería de Familia poderán acceder a través dunha nova aplicación informática a unha base de datos común na que se incluirán os expedientes de menores que estén baixo a garda ou tutela da Xunta ou aqueles que estén en procesos de aplicación de medidas xudiciais. Tamén se poderán consultar os distintos programas e recursos da Administración dirixidos á súa protección.

O programa, presentado pola conselleira de Familia, Pilar Rojo, a membros da xudicatura e da fiscalía de menores das catro provincias galegas, nace coa intención de que todos os axentes que interveñen en casos de menores de reforma poidan coñecer en tempo real particularidades e antecedentes de cada un dos casos.

Coa posta en marcha deste sistema, o primeiro destas características que se fai en España e o único existente na actualidade en todo o territorio nacional, axilizaranse todos os trámites.

Ata agora só os servizos centrais da Consellería de Familia e as súas delegacións provinciais tiñan acceso aos historiais dos menores sobre os que se estaba a aplicar unha determinada actuación, sen que o resto dos axentes o soubera salvo que o solicitase previamente. Esto permitirá que xuíces e fiscais poidan realizar as consultas sobre os rapaces fóra dos horarios nos que funcionan as administracións.

A nova aplicación permitirá transmitir a información entre as institucións implicadas a través da Rede. Será necesaria unha clave e haberá distintos niveis de acceso aos datos segundo a labor que realice cada un, así por exemplo os responsables dos centros de menores só poderán ver os expedientes dos rapaces que teñan ao seu cargo. Fiscais e xuíces pola contra terán un maior acceso.

A aplicación inclúe tamén os modelos de todos os documentos (informes, resolucións, solicitudes, etc...) que se utilizan máis frecuentemente nos procedementos, A uniformización vai a facilitar tanto a redacción como a análise por parte de todos os implicados.

Para a introducción e circulación de toda a información requerida estanse a aplicar todas as medidas de seguridade e de protección de provacidade incluídas na Lei de Protección de Datos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia