Skip to main content

Sanidade e o Concello de Ribeira asinan un protocolo para a construcción dunha nova unidade de asistencia a drogodependentes

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, e o alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, asinaron na casa consistorial do antedito concello coruñés, un protocolo entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Ribeira para establecer as bases para a futura construción dunha nova Unidade de Asistencia a Drogodependentes e Unidade de Día, para dar cobertura asistencial a toda a comarca da Barbanza.

Segundo recolle o protocolo asinado, o concello comprométese a realizar os trámites precisos para construír dito centro nunha parcela de 1.702 metros cadrados, sita no lugar de Xaras, e a dedicalo a Unidade Asistencial de Drogodependencias e Unidade de Día, conforme aos criterios do Plan de Galicia sobre Drogas. Pola súa banda, a Consellería de Sanidade comprométese a colaborar economicamente co Concello de Ribeira para a construción da referida unidade, por un importe inicial de 700.000 euros.

UNHA DAS MELLORES REDES ASISTENCIAIS DO ESTADO

Na actualidade existe en Galicia unha extensa rede asistencial pública especializada, das máis modernas e completas do Estado, para o tratamento das drogodependencias, composta polos seguintes servizos: 17 Unidades Asistenciais de Drogodependencias (UAD), 3 Dispensarios, 1 Unidade Móbil, 10 Unidades de Día (UD), 3 Comunidades Terapéuticas (CT), 6 Unidades de Desintoxicación Hospitalaria (UDH) e 5 Unidades Asistenciais Intrapenitenciarias.

Ademais, e para completar a oferta terapéutica, hai que engadir os recursos asistenciais pertencentes a Proxecto Home, tamén de financiamento público (10 centros onde traballan máis de 50 profesionais). En total, existen pois 55 centros especializados e ao redor de 300 profesionais traballando na atención especializada ás drogodependencias.

Por outra banda, Galicia conta tamén con 232 programas de prevención, 32 de incorporación social, e 8 de ámbito comunitario nos que participan, ou dos que se benefician, máis de 500.000 persoas.

VISITA Á GARDERÍA E ANUNCIO DE MELLORAS NO HOSPITAL

Antes desta sinatura, o máximo responsable sanitario galego acudiu a visitar o hospital da Barbanza, onde mantivo unha xuntanza do comité de empresa e o equipo directivo do centro que dirixe Salustiano González Vinagre. O conselleiro supervisou as novas instalacións da gardería, cuxas obras xa están finalizadas, e que ten previsto iniciar os seus servizos no mes de xuño. O investimento nesta nova gardería, segunda que pon en funcionamento o Sergas (seguiranse ampliando e as próximas en funcionar serán as do C.H. de Pontevedra, C.H. Universitario Juan Canalejo da Coruña e C.H. Universitario de Santiago), é de 30.000 euros. Consta de 40 prazas para rapaces (de 0 a 3 anos, inicialmente). Ademais, o máximo responsable sanitario galego anunciou que se van poñer en marcha diversas obras que mellorarán o hospital de Barbanza, entre as que citou a construción dun heliporto e a climatización do centro.

O hospital da Barbanza, que visitou o titular sanitario galego, continúa a avanzar, ao longo destes anos, no seu Plan de Calidade. Así, en xaneiro de 2004, este centro sanitario obtivo a certificación ISO 9001:2000, para a súa unidade de diálise, e se convertía na primeira dos centros públicos de Galicia en contar con tal distinción. Así mesmo, o hospital está a piques de certificar as unidades de subministración e administración coa norma ISO 9001:2000.

En materia medio ambiental os traballos para o rexistro en EMAS (Edo-Management and Audit Scheme), están moi avanzados. Trátase dun proxecto da Unión Europea que certifica unha correcta política medio ambiental. Dita certificación baséase en catro fases; diagnóstico, sistema de xestión, auditoría e política de actuación (todas elas referidas ao medio ambiente).

Outra iniciativa que dá conta da calidade deste centro é que o Hospital que dirixe González Vinagre xa ten andado bastante camiño para seren Hospital Amigo dos Nenos. Este proxecto, respaldado por Unicef, segue unha dinámica semellante a calquera certificación ISO, así como unhas auditorías internas e externas. Este proxecto iniciouse no ano 2004, se ben o servizo de pediatría leva xa tempo traballando na formación do persoal, sobre todo de enfermería, en lactancia materna. Asemade, dende este mes, o centro que dirixe Salustiano González iniciou o Programa de Detección Precoz da Xordeira en Período Neonatal. Este Programa de Sanidade ten por obxecto detectar diminucións auditivas antes das 48 horas de vida do neno coa fin de realizar un diagnóstico precoz e aplicar posteriormente un tratamento antes dos seis meses.

Ademais de todo o antedito, o laboratorio deste hospital vén de seren elixido, o pasado mes de febreiro, segundo a clasificación anual do Programa de Bioquímica da Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular, entre os quince primeiros de España no que se refire á fiabilidade dos seus resultados. A selección se fixo entre un grupo de 485 laboratorios de todo o Estado. O antedito Programa valora a precisión e exactitude dos resultados que emiten os laboratorios participantes.

SUBSTANCIAIS MELLORAS E ESTATURIZACIÓN NO SERGAS

Sinalar, por último, que o persoal deste hospital vén de ver melloradas notablemente as súas condicións económicas e laborais logo da sinatura entre o Sergas e os sindicatos, o pasado mes de marzo, do II Convenio Colectivo para Fundacións e Empresas Públicas Sanitarias, que estará vixente ata o ano 2007, data na que estes profesionais integraranse no réxime estatutario do Sergas. Os esforzos do Sergas para estes traballadores non rematan aquí posto que a Administración sanitaria galega seguirá desenvolvendo as previsións contidas na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA), para permitir o intercambio de profesionais entre as fundacións e institucións tradicionais, a mobilidade entre fundacións e o desenvolvemento dun itinerario profesional que faga atractivo para o persoal máis altamente especializado o traballo nestes centros.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)