Skip to main content

Asuntos Sociais organiza unha xornada sobre cooperativismo comunal na Feira Semana Verde

A Feira Semana Verde de Galicia acolle unha xornada sobre cooperativismo e desenvolvemento do agro. O acto está organizado pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, en colaboración coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

A xornada comezará cunha mesa redonda baixo o título “As cooperativas de explotación en común e a dinamización do sector agrario”. Este tipo de sociedades confórmase coma unha fórmula primordial entre as medidas de reestructuración agraria encamiñadas a resolver as dificultades derivadas do minifundo nas explotacións. Entre outras, incorporan vantaxes económicas coma o aforro de custos, a racionalización do traballo ou o financiamento dos investimentos. Conlevan tamén vantaxes sociais, na medida en que o aforro de traballo permite liberar a mulleres e maiores. Ademais, fomentan a cohesión social e a solidariedade.

Na mesa redonda participarán o xefe de servizo de Fomento Asociativo da consellería de Política Agroalimentaria, Jesús González Vázquez; o profesor de economía aplicada da Universidade de Santiago Manuel Jordán Rodríguez; o presidente da cooperativa Gandeiría Val do Toxa, Jesús Pena Fernández e o presidente da cooperativa Grille, Xoan Manuel Ramos Rodríguez. A mesa estará moderada polo director xeral de Relacións Laborais da consellería de Emprego.

Ao finalizar a mesa redonda, celebrarase unha maridaxe de productos cooperativos, con degustación incluída. Na maridaxe, que terá lugar no expositor do Consello Galego de Cooperativas, participarán alumnos das 15 escolas de hostalería de España e restauradores galegos.

A xornada “O Coopeartivismo na Semana Verde” está especialmente dirixida aos alumnos dos centros de capacitación agraria de Galicia. Está previsto que asistan arredor dun cento de alumnos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia