Skip to main content

Aberto o prazo para solicitar complementos retributivos para profesorado universitario

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir a segunda convocatoria para a avaliación de solicitudes para asignar complementos retributivos adicionais do profesorado universitario. Esta convocatoria faise a través da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), que será a encargada de realizar as avaliacións correspondentes.

Así, o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades galegas poderá solicitar a asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento do labor docente e investigador, establecidas na Lei Orgánica de Universidades. O prazo para solicitar a avaliación que determinará as retribucións permanecerá aberto ata o día 14 de xullo de 2005.

CASE 3.000 BENEFICIARIOS

Na anterior convocatoria foron avaliados positivamente pola Acsug un total de 2.823 docentes, dos que 1.306 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 721 á da Coruña e 796 á Universidade de Vigo.

Como resultado da primeira convocatoria, a Consellería de Educación transferiu ás universidades galegas uns 5 millóns de euros para abonar os devanditos complementos. Estes cartos repartíronse entre as tres universidades galegas: 2.405.800 euros para a Universidade de Santiago de Compostela; 1.188.100 € para a da Coruña e 1.381.000 € para a Universidade de Vigo.

En total, concédense dous tipos de complementos. Por unha parte, o vinculado ao recoñecemento da labor docente, cunha contía anual de 1.000 euros que actualmente perciben 2.823 profesores. Por outro, o complemento ao recoñecemento do labor investigador, cunha contía anual de 900 euros, que hoxe en día reciben 2.391 docentes.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia