Skip to main content

López Veiga presenta as dez accións consensuadas co sector para a política marítima de Galicia

Crear un ente único que xestione tódolos portos e lanzar unha marca de calidade que distinga ós productos galegos do mar. Este son dous dos plans máis relevantes do “Libro Blanco Básico de Política Marítima de Galicia”, que o conselleiro de Pesca e Asuntos
Marítimos, Enrique López Veiga, presentou en Santiago. Cómpre suliñar a relevancia deste Libro, pois foron os propios profesionais dos sectores do mar, os expertos e os cidadáns quen aportaron a base dos dez proxectos nos que conclúe o Libro. Tendo en conta a pluraridade dos 400 participantes na súa redacción, pódese asegurar que este decálogo reflicte o que demandan os galegos para o futuro do seu sector marítimo.

Un Plan froito do acordo e da participación de todos.-

Pesca entende que “a mellor Política Marítima será a que logre o
mellor consenso dentro do sector, e para lograr o consenso deben promoverse máis encontros”. Por este motivo, este é un libro básico, pendente de seguir co proceso de debate. En todo caso, o conselleiro comprometeuse en rolda de prensa a por en marcha os dez primeiros proxectos inicias básicos. Ademais, a Xunta incorporará o resto de recomendacións do sector á súa política ó abeiro do programa orzamentario da Unión Europea para 2007-2013.

Galicia reclama as transferencia da xestión dos portos.-

O primeiro proxecto, “Galicia Porto Único” pasa por transferir á
Xunta as competencias de tódolos portos, incluídos os de interese xeral, que agora son de resposabilidade estatal. Unha sociedade única de xestión encargaríase de racionalizar os investimenos en función da especialización de cada porto. O obxectivo é atraer o tráfico marítimo que transita diante das nosas costas, pero que non escolle os peiraos galegos para operar.

En segundo lugar, o Libro Blanco propón crear unha sociedade mixta (con capital público e privado) para xestionar e promocionar o transporte marítimo. Potenciar o cabotaxe, as reparacións de buques e o salvamento serían as primeiras prioridades desta empresa.

A Fundación “Galicia, Terra de Mariñeiros” é a terceira iniciativa.
Esta organización encargaríase de integrar baixo unha marca única toda a oferta turística galega vencellada ó mar. Así, diversas actividades como, por exemplo, os museos da pesca e o turismo náutico disporían dunha plataforma promocional única.

Lograr que cada subsector aproveite a experiencia organizativa dos demáis para ser máis competitivo. Este é o obxectivo do cuarto proxecto, organizar os sectores do mar. Búscase, por exemplo, que as redeiras poidan aprender dos pasos dados polas mariscadoras na súa profesionalización. Para conseguilo, o Libro Blanco establece unhas liñas de actuación como a identificación da etapa e dos factores críticos cos que se enfronta cada subsector.

Marca de calidade para os peixes e mariscos galegos.-

Outra das inciativas fundamentais é “Mar de Galicia”, unha marca de calidade para diferenciar os productos do mar galegos. O lanzamento deste distintivo xenérico sería acompañado polo creación de sistemas de control para vixilar o seu uso adecuado. A través de “Mar de Galicia”, Pesca promocionaría os productos da Comunidade nos mercados e promovería o seu uso por productores, transformadores e comercializadores.

Galicia debe contar cunha Oficina de Defensa dos Intereses Pesqueiros Galegos, un lobby encargado de influir nos foros internacionais. Este é o obxectivo do sexto proxecto, a constitución dun equipo especializado que, previo consenso cos profesionais, loite nas institucións internacionais polos intereses galegos.

O proxecto número sete foi bautizado como “Neptuno”, un plan formativo que integre tódalas ensinanzas náuticas, marítimas e pesqueiras da Comunidade. Para logralo, a Xunta crearía unha Oficina de Coordinación que identifique que tipo de formación demandan as empresas ós alumnos.
Ademais, facilitaríase a movilidade entre as diferentes ramas destas ensinanzas.

Tódolos centros de investigación, ó servicio do sector a través do INTECMAR.-

Outra das inciativas estrela do Libro Blanco é convertir ó Instituto
Tecnolóxico do Mar (INTECMAR) no xestor único de tódolos centros de investigación mariña en Galicia. Lóxicamente, isto implica a transferencia á Xunta dos centros titularidade do Estado. O INTECMAR organizaría a investigación en función das demandas identificadas polo propio sector productivo.

O lanzamento dun Instituto Galego de Cooperación e
Internacionalización da Pesca é o proxecto nove. Entre os seus fins estaría formar ós técnicos e ós directivos de empresas de terceiros países nos que operan compañías galegas, ademais de organizar os proxectos de cooperación internacional pesqueira segundo os investimentos do sector no estranxeiro.

Desenvolver as funcións do Servizo de Gardacostas de Galicia para que coopere co resto de administracións na inspección da mariña mercante e no control de fronteiras e aduanas é o décimo proxecto, que inclúe potenciar os recursos humanos, técnicos e económicos para consolidar este Servizo.

Participación a través de Internet, mesas redondas e formularios.-

A Consellería de Pesca editou o Libro Branco en base as aportacións realizadas por tódolos axentes sociais. Así, na aportación de ideas participaron os cidadáns a través da web www.ailusiondomar.com. Pola súa banda, 170 representantes de organizacións profesionais (armadores, mariscadores, sindicatos, comercializadores, mexilloeiros, acuicultores, etc.) acudiron ás doce mesas redondas sectoriais; mentres que 118 expertos, técnicos e científicos participaron a través de cuestionarios.

O Libro Blanco é pois o resultado dun complexo proceso de debate organizado pola Consellería de Pesca. Este diálogo coa sociedade puxose en marcha o 19 de abril, cando López Veiga presentou “A Ilusión do Mar: Libro Verde de Política Marítima de Galicia” no Clube Internacional de Prensa, o mesmo lugar no que hoxe presentou o Libro Blanco.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia