Skip to main content

Manuel Fraga resalta a Semana Verde de Galicia como espazo único para o encontro, o intercambio e a promoción dos axentes do agro

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, inaugurou en Silleda, a XXVIII edición da Feira Internacional Semana Verde de Galicia que se vai desenvolver ata o vindeiro domingo neste municipio pontevedrés. Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico resaltou o “grande interese social” que esperta este certame internacional, un “espazo único –dixo- para o encontro, o intercambio e a promoción dos verdadeiros axentes actuantes no agro”.

De feito, ao longo de cinco xornadas, a Feira Internacional Semana Verde de Galicia amosará as novidades mecánicas e técnicas do sector agrogandeiro galego e abordará, de forma interactiva, aspectos de gran repercusión para o rural, como as exixencias normativas, as novas fórmulas de produción e organización ou as carencias existentes no sector, tentando dar resposta ás necesidades futuras. Así mesmo, e segundo sinalou Manuel Fraga, a Semana Verde converterase nestes días “nunha eficaz plataforma para a difusión, o fomento e o recoñecemento de actividades modélicas”, referentes do avance e das posibilidades existentes na actualidade no sector agrogandeiro.

“Por todo iso –engadiu o presidente do Goberno galego-, polo seu papel de espazo colectivo para o encontro dos diversos axentes que participan no desenvolvemento do agro e pola súa firme vontade de servizo ao sector, a Xunta de Galicia seguirá a manter unha decidida actitude de colaboración para continuar e potenciar un certame de grande interese social”.

CALIDADE, COOPERATIVISMO E PROFESIONALIDADE

O máximo mandatario autonómico tamén aproveitou a súa intervención para lembrar que Galicia precisa, para o seu óptimo desenvolvemento actual e futuro, dun mundo rural “vigoroso, pleno de enerxías”, que garanta a perdurabilidade dos recursos primarios e capaz de impulsar todas as súas potencialidades produtivas. “Un mundo rural –engadiu- no que prime a calidade, o carácter cooperativo e a profesionalidade que o convertan nun espazo atractivo, rendible e habitable para os seus actuais moradores e para novos emprendedores”.

Por último, Manuel Fraga fixo un chamamento ao sector agrogandeiro galego para que leve a cabo un “esforzo sostido” de adaptación aos novos retos e ás directrices marcadas pola política comunitaria europea, tendo en conta a ampliación do espazo comunitario, con novas opcións de mercado pero tamén cunha gran competitividade, tanto para a distribución de fondos como para a propia actividade produtiva.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA XXVIII EDICIÓN DA FEIRA INTERNACIONAL SEMANA VERDE DE GALICIA

- “O sector primario estase a enfrontar con continuas exixencias derivadas da súa ineludible adaptación a un escenario económico e social marcado pola globalidade. Nesas circunstancias, o noso agro está a superar os difíciles retos de adaptación das súas estruturas, formulados desde a incorporación de España, e con ela de Galicia, a unha política agrícola común no marco europeo”.

- “Pero trátase dun reto constante, no que é preciso manter un esforzo sostido de cara ao futuro, sobre todo tendo en conta a ampliación dese espazo comunitario, con novas opcións de mercado pero tamén cunha gran competitividade, tanto para a distribución de fondos como para a propia actividade produtiva”.

- “Atenta a esa actualidade e procurando avanzar as claves dun futuro inmediato, a Semana Verde volve a ofrecer este ano unha nova mostra da súa sintonía co devir do sector, actuando máis que como un escaparate, como un escenario no que tan importante é o que se mostra como o papel que desenvolven os actores do seu interior”.

- “Porque, certamente, o gran mérito desta Feira Internacional Semana Verde está en que, ademais de mostrar as novidades mecánicas e técnicas para o sector, ofrece un espazo único para o encontro, o intercambio e a promoción dos verdadeiros axentes actuantes no agro”.

- “Polo seu papel de espazo colectivo para o encontro dos diversos axentes que participan no desenvolvemento do agro e pola súa firme vontade de servizo ao sector, a Xunta de Galicia seguirá a manter –como fixo desde o primeiro momento- unha decidida actitude de colaboración para continuar e potenciar un certame de grande interese social”.

- “Porque Galicia, como as comunidades veciñas que se dan cita nesta feira, precisa, para un óptimo desenvolvemento actual e futuro, dun mundo rural vigoroso, pleno de enerxías, que garanta a perdurabilidade dos recursos primarios e que sexa capaz de impulsar todas as nosas potencialidades produtivas”.

- “Un mundo rural no que prime a calidade, o carácter cooperativo e a profesionalidade que o convertan nun espazo atractivo, rendible e habitable para os seus actuais moradores e para novos emprendedores”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia