Skip to main content

Manuel Fraga sinala que toda Galicia celebra a concesión do Premio Príncipe de Asturias das Letras a Nélida Piñón

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, vén de enviar un telegrama de felicitación á escritora brasileira de raíces galegas, Nélida Piñón, que vén de ser distinguida co Premio Príncipe de Asturias das Letras. “Toda Galicia celebra a estas horas a merecida concesión a súa persoa do Premio Príncipe de Asturias das Letras”, indicou o presidente da Xunta no texto do telegrama sinalando, ademais, que coida vela o vindeiro mes de outubro en Oviedo, durante a entrega dos galardóns, para poder felicitala persoalmente.

Nélida Piñón é unha das grandes figuras da literatura brasileira contemporánea. Os seus pais emigraron a Brasil procedentes do municipio pontevedrés de Cotobade, onde naceu a escritora en maio de 1937. A autora, que foi a primeira muller que presidiu a Academia Brasileira das Letras, ten recibido numerosas distincións ao longo da súa traxectoria literaria, entre as que se atopan o Premio Internacional de Literatura Juan Rulfo ou o José Geraldo Vieira, da União Brasileira de Escritores de São Paulo.

O Goberno galego distinguiuna, en 1992, cunha Medalla Castelao. Ademais, recentemente a Xunta de Galicia promoveu a tradución e presentación ao galego da súa obra A República dos Soños. A esta presentación asistiu, o pasado mes de abril, o presidente da Xunta.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia