Skip to main content

A Xunta de Galicia pon en marcha unha experiencia piloto para achegar o voto electrónico aos cidadáns

O conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Xaime Pita, presentou a experiencia piloto de voto electrónico nas eleccións ao Parlamento de Galicia, na que poderán participar todos os cidadáns inscritos no censo electoral de Galicia, así como os galegos residentes na República Oriental do Uruguai. Esta experiencia vén a completar outra iniciativa pioneira en España desde o punto de vista tecnolóxico. O ensaio, presentado a semana pasada no porto de Vigo, permitirá que a tripulación do pesqueiro Nuevo Laredo exercite o seu dereito a voto, tamén sen validez legal, en alta mar desde un ordenador instalado a bordo da embarcación. Os resultados destas votacións experimentais daranse a coñecer o 19 de xuño, ao peche da xornada electoral.

En declaracións aos xornalistas, o conselleiro da Presidencia cualificou esta experiencia como “un paso clave” e engadiu que “estamos instando para que esto (o uso de novas tecnoloxías), unha vez experimentada a súa eficacia e confidencialidade en canto a emisión de voto”, se aplique en futuros procesos electorais xa de acordo coa lexislación pertinente.

A Xunta Electoral Central autorizou a realización destas probas mediante acordo do 2 de xuño de 2005 e con elas preténdese achegar aos cidadáns as novas tecnoloxías aplicadas aos procesos electorais, a través dunha elección simulada que reproducirá exactamente o proceso que debería realizar un votante para elixir aos seus representantes no Parlamento. Desta forma, o procedemento, non vinculante e de carácter experimental, terá as mesmas garantías e fiabilidade que si se tratara dunha elección real.

O venres, día 17 de xuño, estarán a disposición dos votantes as cinco urnas electrónicas Point & Vote instaladas nos centros comerciais Área Central e Compostela, ambos en Santiago de Compostela, e outras dúas na Casa de Galicia de Montevideo, nun horario de 10,00 horas a 21,00 horas.

No caso de Santiago de Compostela, poderán experimentar o sistema todos os cidadáns inscritos no censo electoral de Galicia, mentres que no punto de votación de Montevideo poderán participar todos os residentes ausentes inscritos no censo en Uruguai.

A empresa Indra é a encargada de realizar esta experiencia piloto, para o que conta con solvencia técnica contrastada en procesos electorais e na realización deste tipo de probas.

Esta experiencia, ao igual que sucederá coa iniciativa de voto electrónico a bordo do barco Nuevo Laredo, pretende dar cumprimento ao mandato do Parlamento de Galicia, relativo á reivindicación do recoñecemento dos residentes ausentes como poboación de pleno dereito, así como a varias das resolucións do Debate de Política Xeral do ano 2004, nas que se insta á Xunta de Galicia á regulación e introducción do voto electrónico e de novas tecnoloxías da información e intercomunicación telemática para garantir a representación e valoración dos emigrantes.

SISTEMA DE VOTACIÓN

Unha vez que o elector se atope no punto de votación poderá confirmar a súa inscrición no censo a través da terminal de censo electrónico (denominado Electronic Poll Book – EPB), un novidoso sistema desenvolvido por Indra e que por primeira vez que se utiliza en España.

Simplemente con mostrar o seu documento de identidade, o persoal de mesa comprobará os datos do votante e confirmará se está dado de alta no censo electoral. Posteriormente, o elector pasará ao punto de votación para exercer o seu dereito.

O propio votante collerá unha tarxeta correspondente á circunscrición (provincia) á que pertenza que abrirá a urna electrónica, na que se presentarán as diferentes candidaturas que concorren na provincia na que está censado.

O sistema Point & Vote é unha urna electrónica con pantalla táctil que presenta menús de selección en pantalla das opcións electorais. O elector realiza a súa selección de candidatos/candidaturas na pantalla táctil, valídaa e o sistema formaliza desta maneira o voto electrónico que queda almacenado en memoria para a súa totalización en cada mesa e transmisión de resultados ao peche da xornada electoral.

NOVAS TECNOLOXÍAS NAS ELECCIÓNS

A introdución de novas tecnoloxías nos procesos electorais redundan nunha maior comodidade para os cidadáns, xa que ofrecen unha gran flexibilidade para votar desde calquera punto e en calquera momento, o que supón, de feito, facilitar aos cidadáns o seu dereito de participación.

Desde o punto de vista económico, a introdución de novas tecnoloxías axiliza os procesos e reduce tanto o tempo necesario para procesar os resultados como o persoal dedicado a iso, así como o uso de papel, o que implica un importante aforro de recursos.

As novas tecnoloxías ofrecen, hoxe en día, un alto nivel de seguridade e fiabilidade que permite garantir o proceso salvagardando todos os requisitos inherentes a un proceso electoral: identificación segura dos electores, confidencialidade e integridade do voto e auditabilidade do proceso.

Coa realización desta experiencia, a Xunta de Galicia sitúase a vangarda da utilización das novas tecnoloxías para favorecer a participación cidadá e ratifica o seu compromiso coa implantación da e-Administración.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia