Skip to main content

Currás eloxia o aporte á formación en valores do concurso escolar da Once, dedicado este ano ao Quixote

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, valorou a importante contribución á educación en valores do concurso escolar que cada ano convoca a Organización Nacional de Cegos en España (ONCE), que nesta edición se dedicou ao Quixote, co motivo do cuarto centenario da insigne obra de Cervantes.

Currás participou na entrega do premio principal do concurso “En un lugar de tu imaginación”, no que participou máis de millón de nenos de toda España. O gañador nacional absoluto do certame foi o equipo dun colexio galego, o “Covaterreña”, de Baiona, integrado polas alumnas Natalia Estévez, Ángela Fernández e Stephanie Carneiro, baixo a supervisión da profesora Marina Couñago.

O equipo, que concorreu ao concurso baixo o nome “Mariposas”, foi o gañador da categoría C, para alumnos de 12 a 13 anos, e tamén se impuxo ao resto de gañadores das outras categorías para alzarse co premio absoluto.

Nas súas palabras, Currás tamén recordou a colaboración que mantén o departamento que dirixe e a ONCE na procura da mellora das atencións educativas que lle proporcionan ás persoas con deficiencias visuais.

Así mesmo, o conselleiro resaltou a reflexión á que incita o traballo galego premiado, sobre as dificultades que han superar ou aprender a superar todos aqueles que teñen que desenvolverse con limitacións na súa capacidade visual.

COLEXIO GALEGO PREMIADO

O traballo do colexio “Covaterreña”, de Baiona, tivo que competir dentro da súa categoría con outros 33.926 equipos de toda España, entre os cales foi seleccionado como gañador, para logo enfrontarse cos vencedores das outras categorías parciais.

O traballo deste centro pontevedrés consistía nun debuxo no que se ilustraba un dos capítulos da novela de Cervantes, concretamente o relativo á chegada do cabalo Clavileño.
Nel vemos ao fidalgo cabaleiro e ao seu fiel escudeiro Sancho Panza cegados con panos e paseando polo vento a lombos do cabalo Clavileño, vítimas inconscientes das mofas da condesa Trifaldi e as súas donas, ás que van librar dunhas barbas supostamente froito do encanto do malvado Malambruno.

Aproveitando esa divertida situación, as autoras desa imaxe sitúannos na reflexión sobre o desconcerto ao que nos temos que enfrontar cada vez que debemos abordar situacións para as que non estamos suficientemente preparados, no caso de Don Quixote e Sancho Panza cos ollos tapados e sen visión.

CONCURSO VETERANO

A Fundación ONCE leva organizando este concurso dende o ano 1984, co obxectivo de potenciar entre os cativos do país valores coma a solidariedade, a amizade e a concordia, así como concienzalos da importancia de conseguir un dos obxectivos primordiais da organización: acadar a plena integración na sociedade das persoas cegas.

Con el procúrase, en definitiva, dar a coñecer aos rapaces e rapazas a realidade das persoas cegas e transmitir ao alumnado valores tan fundamentais como son a normalización social das persoas con discapacidade a súa plena integración social.

A edición deste ano, a número 21, dedicouse ao Quixote, en colaboración coa Junta de Comunidades de Castela - A Mancha. Os traballos consistían en debuxar unha escena da obra de Cervantes e explicarlla a unha persoa cega da idade dos concursantes.

En total, participaron 512.580 alumnos de toda España, de entre 8 e 18 anos, que presentaron 134.326 traballos coa colaboración de 20.029 docentes, procedentes de 5.308 centros educativos, o que supuxo un record de participación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia