Skip to main content

Declaración institucional do Consello da Avogacía Galega, en defensa do uso do Galego na Xustiza

A Xuíza devolveu o escrito á letrada, indicando na resolución que o feito de que estivese redactada en lingua galega era un defecto que debía ser emendado, polo que lle outorgaba un prazo para traducila ao español.
A letrada interpuxo un duro recurso contra a resolución, que a Xuíza considerou ofensivo, e instruiu un expediente disciplinario á avogada. O expediente rematou recentemente, impoñendo á avogada unha sanción de apercibimento por escrito.
A corrección disciplinaria está sendo recorrida tanto pola letrada como polo Ilustre Colexio de Avogados de Santiago, ao que ela pertence.
O Consello da Avogacía Galega, órgano que aglutina aos sete colexios de avogados de Galicia, acordou dar amparo á avogada dona Isabel Castillo González, nos termos que constan na declaración que se achega.
É de facer constar, que coincindo cos feitos relatados, este Consello rematou por esas datas un proxecto de redacción e edición de formularios xurídicos e procesuais en lingua galega, cunha achega da Consellería de Xustiza de NOVENTA MIL EUROS (90.000 euros), ou quince millóns de pesetas. Tamén existen convenios coa Dirección Xeral de Política Lingüística, para normalizar o uso do galego na avogacía.

Os ditos proxectos está destinados principalmente a que os avogados e avogadas de Galicia desenvolvan a súa actividade profesional en galego, e polo tanto, para lles axudar a que redacten os escritos, demandas, etc., na nosa lingua.
O Consello da Avogacía Galega ampara aos avogados e avogadas no uso de tal dereito, e lamenta que os proxectos desenvolvidos ata agora pola administración autonómica conxuntamente con este Consello a prol do uso do galego poidan resultar frustrados na súa aplicación práctica.
Declaración institucional
Despois de séculos de escuridade á que foi condenada a lingua galega, co desenvolvemento do Estado democrático estamos comezando a recuperar para o noso idioma o lugar que lle corresponde no eido da Xustiza. É lóxico que sexa un proceso lento, xa que a inercia secular non fai doado o cambio de rumbo necesario. No campo xurídico, tan pouco afeito aos cambios na linguaxe, tan sensible coma dependente das precisións terminolóxicas, perduran as rotinas profesionais e certo aillamento sociolingüístico que empecen o uso do galego.
Para pular polo logro da súa restauración e loitar contra as eivas de hoxe, faltan aínda medios e un maior seguimento da aplicación da normativa lingüística. Mais tamén é preciso vencer tradicionais reticencias cuxa existencia é tan notoria coma inxustificábel.
Oficialidade: É unha responsabilidade de todos que o galego teña o lugar que lle corresponde no mundo do dereito en Galicia, na mesma medida que no resto das relacións sociais. Que se consiga, será síntoma do noso progreso social.
Mais as responsabilidades deben concretarse para seren efectivas e, neste sentido, o concepto da oficialidade debe ser asumido seguindo a interpretación do Tribunal Constitucional, exposto na súa sentencia 82/1986, de 26 de xuño: É oficial unha lingua independentemente da súa realidade e peso como un fenómeno social, cando é recoñecida polos poderes públicos como un medio normal de comunicación entre eles e en relación cos suxeitos privados, con plena validez e efectos xurídicos.
Por iso, as recentes reaccións contra o uso do galego, mesmo en resolucións xudiciais, deben ser substituídas por unha práctica activa de uso preferente do galego por parte da Administración de Xustiza, como síntoma da asunción do galego como lingua propia que é da Administración de Xustiza en Galicia.
Dereitos dos cidadáns perante a Administración de Xustiza.- O marco democrático constitucional outorga respecto e protección á nosa lingua, que é a lexítima da nosa cultura, e tamén da Administración de Xustiza en Galicia. Non se pode obstaculizar o seu uso por parte de calquera cidadán, como recolle a Constitución de 1.978 no seu artigo artigo 14 e o Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 5.
Neste sentido, o Consello da Avogacía Galega estará sempre disposto a apoiar e afirmar os dereitos lingüísticos dos cidadáns e profesionais en todo tipo de relacións xurídicas.
E non só porque estamos nun Estado de Dereito senón tamén porque iso está vencellado coas obrigas dun Estado de Cultura. O uso do galego en todo tipo de relacións xurídicas non é só un dereito persoal, senón o dereito cultural natural do pobo galego, que como tal está expresamente protexido pola Constitución no seu artigo 3, ou pola a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, asinada polo Estado español, que di: Artigo 15.2. Toda comunidade lingüística ten dereito a que as actuacións xudiciais e administrativas, os documentos públicos e privados e os asentos en rexistros públicos realizados na lingua propia do territorio sexan válidos e eficaces e ninguén poida alegar o descoñecemento.
A mesma Declaración di no artigo 16: ”Todo membro dunha comunidade lingüística ten dereito a se relacionar e a ser atendido na súa lingua polos servizos dos poderes públicos ou das divisións administrativas centrais, territoriais, locais e supraterritoriais aos cales pertence o territorio de onde é propia a lingua.
O papel do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.- Se o galego é lingua oficial da Administración e as actuacións en calquera das linguas oficiais deben ser válidas e eficaces, é obvio que non cabe o recurso á ningún tipo de tradución, non sendo que a actuación concreta deba ter efectos fóra de Galicia.
Doutra banda, o deber de coñecer o castelán non ampara o dereito a descoñecer o galego, e aínda menos por parte do persoal da Administración de Xustiza. O cidadán, como usuario dos servizos, ten dereito a ser atendido na lingua cooficial da súa elección.
Os xuíces e maxistrados destinados en Galicia deben asumir que non se pode impartir a xustiza que se lles demanda se descoñecen o idioma do pobo galego. En Galicia, a Lei esixe capacitación lingüística suficiente para garantir o principio de inmediación e fiabilidade.
A utilización de tradutores como consecuencia do descoñecemento das linguas oficiais impide o desenvolvemento dos dereitos lingüísticos dos cidadáns, pois interfire na tutela xudicial efectiva, e afecta á eficacia do avogado e á calidade da súa comunicación co tribunal.
O mesmo cabe dicir con respecto ao resto do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, segundo á súas respectivas funcións.
O papel da avogacía.- A avogacía non é allea a esta tarefa, como se manifesta no traballo e nas actividades de formación e promoción do galego por parte das súas institucións, e nomeadamente na actuación diaria dos letrados que empregan o galego na súa actividade profesional, con convicción e compromiso, a pesar de reticencias e actitudes inexplicábeis e infundadas coma as que motivan esta declaración.
É un feito indiscutíbel que na maior parte das situacións, o impulso do uso normal e cotián do galego no eido da Administración de Xustiza corresponde en gran medida á vontade dos avogados e avogadas.
Avogadas que, coma a letrada Isabel Castillo González, exercen a avogacía utilizando a lingua galega con normalidade.
E así ven sendo, a pesar de que recentemente o Xulgado cualificou como defecto emendábel a presentación dun escrito redactado pola dita avogada en lingua galega, escrito que o Xulgado se negou a tramitar mentres non fose traducido.
O papel da Administración autonómica.- O artigo 7.3 do Estatuto de Autonomía, preceptúa: A Xunta de Galicia promoverá, de acordo cos órganos correspondentes, a progresiva normalización do uso do galego na Administración de Xustiza.
Cómpre que a Administración autonómica competente neste eido siga emprendendo novas acccións de fomento, apoio e colaboración para o desenvolvemento da lingua do dereito.
Neste sentido, existe un convenio asinado entre a Consellería de Xustiza e este Consello da Avogacía Galega polo que investiu preto de 90.000 euros para a confección e edición dun completo traballo de formularios procesuais en lingua galega para os avogados galegos. Tamén a Dirección Xeral de Política Lingüística ten subscrito diversos convenios con este Consello, con importantes achegas económicas.
De nada serve o cumprimento destes convenios, cando o uso do galego recibe tan inesperada contestación por parte dun órgano da Administración de Xustiza, que cualifica como defectuoso un escrito por estar en galego, esixindo a súa traducción ao español como requisito para o tramitar.
O Consello da Avogacía Galega, institución que representa aos avogados e avogadas de Galicia, outorga amparo á letrada dona Isabel Castillo González na defensa do uso do galego no eido da súas intervencións profesionais, como o outorga xenéricamente a todo avogado ou avogada que a desenvolva, ou que decida seguir o seu exemplo.
O Consello da Avogacía Galega pide aos órganos xurisdiccionais o máximo respeto á labor da letrada dona Isabel Castillo González no uso da nosa lingua, e o máximo respeto aos avogados e avogadas que decidan exercer a súa profesión usando a lingua galega.
O Consello da Avogacía Galega quere participar, tamén, a Administración autonómica (Consellería de Xustiza e Dirección Xeral de Política Lingüística), a inquedanza verbo da posíbel frustración dos proxectos e esforzos que conxuntamente realizan en defensa do suo do galego no eido da xustiza, esforzos que estes feitos poden botar por terra.
Consello da Avogacía Galega