Skip to main content

Medio Ambiente garante a indemnización a todos os afectados polos danos da fauna cinexética nos cultivos

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentou en Santiago o Plan de indemnización dos danos causados polas especies cinexéticas nos cultivos. A través desta iniciativa, presentada hoxe no Consello da Xunta, a Consellería de Medio Ambiente garantirá a percepción dunha indemnización a todos os afectados polos estragos causados pola fauna cinexética en cultivos.

No acto de presentación tamén participaron o director xeral de Conservación da Natureza, Javier Ruíz de Almirón; o presidente da Federación Galega de Caza, José Manuel Vaamonde; o presidente da Asociación de Propietarios Rurais e Produtores de Caza de Galicia (APROCA), Luis Nistal Niádigos; e os presidentes das federacións provinciais de caza de toda Galicia.

DEMANDA SOCIAL

Xosé Manuel Barreiro explicou que para acadar este obxectivo o seu departamento colaborará cos responsables dos terreos cinexeticamente ordenados (Tecores), cos que establecerá unha liña específica de cooperación que garanta os pagos a todos os prexudicados. Segundo indicou, a Consellería de Medio Ambiente disporá dun orzamento superior aos 1,3 millóns de euros na vindeira lexislatura para levar adiante esta iniciativa.

O Plan de indemnización dos danos causados polas especies cinexéticas nos cultivos xorde en resposta á inquedanza que existe na sociedade ante os danos producidos pola fauna silvestre nos terreos cultivados. Trátase así de evitar que os propietarios de terreos danados sufran perdas económicas, ao tempo que se apoia aos titulares dos tecores ante a dificultade que lles supón en moitas ocasións facerlles fronte ás compensacións por estes estragos.

FACILITAR AS XESTIÓNS

Segundo se establece no novo plan, a Consellería de Medio Ambiente e a Consellería de Política Agroalimentaria establecerán un protocolo de actuación conxunta para a tramitación dos casos de danos causados pola fauna cinexética nos cultivos. Así, os afectados poderán informar directamente nas Oficinas Agrarias Comarcais dos estragos nas súas plantacións. Deste xeito ofrécese maior proximidade á hora de realizar os primeiros trámites para solicitar indemnizacións deste tipo.

Persoal das oficinas agrarias realizará de xeito inmediato as inspeccións dos danos das especies cinexéticas nos cultivos, especificando a superficie afectada e o tipo de plantación, segundo o protocolo de valoración dos danos agrarios. Estes informes serán remitidos ao correspondente servizo provincial de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, que emitirá unha proposta de indemnización.

Neste proceso, os Tecores serán informados dos danos producidos pola fauna salvaxe nos cultivos incluídos nos seus lindes. Desta maneira, poderán solicitar á Consellería as actuacións cinexéticas que consideren oportunas.

REFORZO DA PREVENCIÓN

O Plan de indemnización dos danos causados polas especies cinexéticas nos cultivos incluirá tamén unha serie de medidas preventivas para evitar os estragos. Así, a Consellería de Medio Ambiente reforzará a liña de axudas –iniciada xa o pasado ano- para a adquisición de pastores eléctricos por parte dos Tecores, cos que se protexerán os cultivos situados en zonas máis sensibles aos ataques da fauna cinexética; e iniciará outra destinada á protección de plantacións forestais.

As actuacións de prevención incluirán unha serie de medidas de control de excesos de poboacións de especies cinexéticas en zonas concretas, onde os estragos nos cultivos son máis frecuentes, e realizarase un exhaustivo seguimento dos plans anuais de aproveitamento deseñados polos Tecores. Algunhas das áreas que rexistran maiores índices de estragos en cultivos son a comarca do Deza, en Pontevedra; as comarcas de Lugo e Terra Cha; Arzúa e Melide, na provincia da Coruña; e Ribadavia, Carballiño e Leiro, en Ourense.

De maneira complementaria e como se viña facendo ata o de agora, as delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente autorizarán coa maior brevidade posible as solicitudes de actuacións cinexéticas cando se produzan danos de consideración nos cultivos.

O notable incremento das poboacións de especies cinexéticas de caza maior nos últimos anos tivo como consecuencia un aumento dos danos causados nos cultivos. Esta situación fixo necesaria a posta en marcha do programa presentado hoxe, que responde ás necesidades actuais dos afectados.

O obxectivo destas medidas é acadar a compatibilidade entre a actividade cinexética, as explotacións agrarias e a conservación das especies.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia